Inicio > Recursos > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Novas axudas do Igape

Fonte de información: Consello da Xunta

Convocatoria aberta desde o 2 de xaneiro para apoiar investimentos, competitividade e internacionalización.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de activar un amplo catálogo de axudas, dotado conxuntamente con 6,5 millóns de euros, para impulsar a competitividade, a internacionalización e os investimentos de empresas e emprendedores. O prazo para a presentación de solicitudes está aberto desde o 2 de xaneiro de 2015.

O obxectivo destas axudas é procurar que os/as emprendedores/as e as pemes dispoñan, desde o primeiro momento, de instrumentos e axudas adecuadas para impulsar os seus proxectos empresariais. En datas próximas, o Igape irá activando novas iniciativas no marco de apoios co que se prevé dar un impulso definitivo para catalizar a reactivación do tecido produtivo, dentro do conxunto das actuacións orientadas á consecución da Industria 4.0, que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.

Entre as liñas de apoio que se acaban de convocar cómpre salientar:

  • As novas bases de axudas para que as pemes poidan renovar os seus equipos produtivos e mellorar, así, a súa competitividade. A liña permitirá mobilizar arredor de 10 millóns de euros en investimentos. Para acceder a estas novas axudas, dotadas con 2,5 millóns, terán trato preferente os proxectos a desenvolver nas zonas con plans especiais de dinamización –provincias de Lugo e Ourense, e comarcas da Costa da Morte e Ferrol, Eume e Ortegal–, que poderán contar cunha intensidade de axudas superior nun 5% á doutras zonas. As subvencións poderán cubrir ata o 35% dos investimentos subvencionables.
  • A nova convocatoria do programa Galicia Emprende, dotada con 500.000 euros en axudas para emprendedores que queiran poñer en marcha un novo negocio ou consolidalo, co que se prevé mobilizar 1,5 millóns de euros. Este programa compleméntase cos apoios habilitados a través do Fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedoras, e outros fondos de Xesgalicia.
  • No eido da internacionalización ábrese tamén o prazo para a presentación das axudas para que arredor dun cento de empresas poidan contratar a outros tantos xestores expertos para iniciar ou ampliar as súas exportacións. Os contratos terán maior bonificación se corresponden a parados de longa duración ou se son feitos por empresas das zonas prioritarias por contar con plans especiais de desenvolvemento. Así, os apoios poden cubrir ata o 95% do salario neto dos expertos contratados. Como novidade, este ano 2015 as bases, que contan cun orzamento que supera os 570.000 euros, inclúen a subvención de contratos de prestación de servizos por xestores que sexan profesionais autónomos.
  • No eido do comercio exterior, o Igape convoca os apoios por 400.000 euros cos que se prevé mobilizar 1 millón de euros na realización de estratexias de promoción e internacionalización de empresas do sector téxtil. A porcentaxe de apoio pode chegar ata o 40%, no caso das microempresas.
  • No tocante ao ámbito da mellora da competitividade, o Igape vén de poñer en marcha por primeira vez un programa para incentivar a formación de capital humano favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos. Está dotado con preto de 700.000 euros.
  • Tamén se destina un millón de euros a unha una nova convocatoria para a selección de 100 novos titulados que conseguirán formación práctica especializada colaborando como bolseiros na implantación dos proxectos de mellora que se prevén impulsar en 2015, a través do programa Reacciona, en máis de 300 empresas, impulsando así o seu acceso ao mercado laboral.
  • Por último, Economía e Industria vén de convocar as axudas para iniciativas abertas de difusión, dotadas con preto de 800.000 euros para favorecer o desenvolvemento de eventos e proxectos dirixidos a incrementar a mellora competitiva das pemes, mediante xornadas técnicas ou encontros para difundir novas técnicas e metodoloxías, ou a facilitar encontros entre emprendedores e investidores privados, entre outros.

Contactos relacionados

  • Instituto Galego de Promoción Económica

    Teléfono: 900 815 151
    Correo-e: informa@igape.es

Organización/s: Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Tema/s: Industria; Competitividade e cooperación empresarial; Internacionalización
Colectivo/s: Empresa; Emprendedor/a
Feitos vitais: Internacionalizarse