Compartir

Compártao :

Igualdade laboral

Esta sección contén información sobre materias competencia da Consellería de Economía, Emprego e Industria en relación coa igualdade laboral.

No seu compromiso pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nas empresas galegas, a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca anualmente axudas para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal. En concreto, a liña II da orde de subvencións do ano 2019 está dirixida á elaboración e implantación de plans de igualdade, tanto de xeito voluntario como en cumprimento dunha obriga establecida nun convenio colectivo, e ten en conta os seguintes conceptos:

  • Os custos da elaboración dunha diagnose da realidade da empresa dende a perspectiva de xénero.
  • Os custos derivados da elaboración dun plan de igualdade que recolla as accións ou medidas que corrixan as deficiencias detectadas nunha diagnose previa.
  • Os custos derivados da primeira fase de implantación das medidas prioritarias previstas nun plan de igualdade.
  • A contratación a xornada completa e como mínimo dun ano dunha persoa con titulación de grao e con experiencia e/ou coñecementos acreditados en materia de igualdade, co obxecto de asesorar e coordinar en calquera das fases de elaboración e implantación do plan de igualdade.

Como obter a acreditación do plan de igualdade?

A acreditación da implantación do plan de igualdade nas empresas realizarase mediante certificación expedida pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, previa solicitude da empresa interesada.
Previamente á expedición da certificación, acordarase a realización dos trámites de comprobación establecidos para a obtención da Marca Galega de Excelencia en Igualdade.

Obtención da Marca Galega de Excelencia en Igualdade

A Marca Galega de Excelencia en Igualdade é un distintivo a través do cal a Xunta de Galicia lles dá recoñecemento a aquelas empresas que destaquen na aplicación das políticas de igualdade.

Poderán optar á cualificación de Marca Galega de Excelencia en Igualdade, para os seus produtos ou para os seus servizos, as empresas, sexan de capital privado ou sexan de capital público, que teñan o seu domicilio en Galicia ou con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia, sempre e cando, asemade, contratasen persoal en Galicia.

Co fin de obter a Marca Galega de Excelencia en Igualdade, as empresas deberán presentar na consellería competente en materia de emprego un balance sobre os parámetros de igualdade real existente na súa organización e no seu funcionamento con respecto ás relacións de traballo e con respecto á publicidade dos produtos e dos servizos prestados pola empresa.

Formación

Co obxectivo de ofrecer unha formación específica sobre implantación de medidas de igualdade nas empresas aos/ás axentes sociais responsables dos procesos de negociación colectiva, desenvolvemos tres edicións do Curso básico de deseño e aplicación de plans e medidas de igualdade nas empresas, que se levaron a cabo nos anos 2016, 2017 e 2018. Para isto contamos coa cesión dos materiais por parte do Instituto da Muller, así como a colaboración da EGAP e do Consello Galego de Relacións Laborais.

No ano 2019, para afondar un pouco máis na procura da igualdade real nas condicións de traballo entre mulleres e homes, ofertouse o curso de nivel avanzado Igualdade de oportunidades: aplicación práctica no ámbito do emprego, para o que tamén contamos coas colaboracións anteditas: Instituto da Muller, EGAP e Consello Galego de Relacións Laborais.

Novidades!

Obrigatoriedade dos plans de igualdade (Real Decreto-Lei 6/2019, 1 de marzo, de medidas urxentes para garantir a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación)

  • 07/03/2020: obrigatorio para empresas de máis de 150 traballadores/as
  • 07/03/2021: obrigatorio para empresas entre 101 e 150 traballadores/as
  • 07/03/2022: obrigatorio para empresas entre 50 e 100 traballadores/as

Rexistro plans de igualdade no REGCON

Créase un Rexistro de Plans de Igualdade das Empresas, como parte dos Rexistros de convenios e acordos colectivos de traballo dependentes da Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social e das Autoridades Laborais das Comunidades Autónomas.

As empresas están obrigadas a inscribir os seus plans de igualdade no citado rexistro.

Regulamentariamente desenvolverase o Rexistro de Plans de Igualdade, no relativo á súa constitución, características e condicións para a inscrición e acceso.