Compartir

Compártao :

Programa de retención e captación de talento Oportunius

A Xunta vén de activar o Programa Oportunius co reto de contratar, en Galicia, 24 investigadores/as de referencia. O obxectivo é reter e captar investigadores/as excelentes para que desenvolvan a súa carreira en Galicia, formar a científicos/as con potencial para conseguir as bolsas europeas ERC e incorporar talento ás pemes..

A Consellería de Economía e Industria destinará máis de 4 millóns ata o 2020 para a contratación destes científicos e científicas en centros de investigación galegos, atraendo 25 millóns en fondos europeos que permitirán desenvolver liñas pioneiras. Ao mesmo tempo, poranse en marcha incentivos para a contratación de persoal experto por parte das pemes galegas co obxectivo de maximizar os seus resultados de innovación.

Con relación ao tecido empresarial, ao longo de 2015 o programa Oportunius reforzarase con incentivos á incorporación de talento nas pemes galegas, co obxectivo de sumar expertos capaces de maximizar os resultados derivados da súa actividade de innovación.

O programa está dirixido a investigadores/as de gran proxección que xa son referencia nas súas áreas de coñecemento, ou están camiño de selo, e que foron recoñecidos/as a nivel europeo mediante unha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Investigación punteira e competitividade empresarial 

Oportunius aspira a situar a Galicia no mapa mundial da investigación punteira, mellorar a competitividade do tecido produtivo coa transferencia de resultados da investigación á empresa, e crear emprego altamente cualificado. Os retornos mediranse en termos de coñecemento, competitividade científica e económica, prestixio internacional e mobilización de talento.

Así mesmo, permitirá a creación de emprego altamente cualificado derivado da formación dos equipos de investigación destes científicos/as en centros galegos, o que lle permitirá consolidarse a outros científicos, co incentivo de facelo no marco de investigacións de primeiro nivel.

O labor desenvolvido polos/as investigadores/as que traballen en Galicia grazas ao Oportunius será unha fonte de coñecemento excelente para facer realidade os retos establecidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), achegando importantes retornos en termos de coñecemento excelente, competitividade científica e económica, prestixio internacional e mobilización de talento.

Contactos relacionados

Organización/s: Axencia Galega de Innovación - Gain
Colectivo/s: Investigador/a