Compartir

Compártao :

Procedemento de recoñecemento das competencias profesionais

  • Procedemento de recoñecemento das competencias profesionais

O procedemento

Este procedemento vailles ofrecer unha oportunidade ás persoas non vinculadas aos sistemas educativos, que aprenderon a través da práctica profesional ou a través de cursos non “oficiais”, para que poidan demostrar os seus coñecementos e capacidades, mediante un proceso de asesoramento e avaliación, no que se comprobará a súa competencia profesional en relación coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

No caso de que superen esta avaliación, poderán obter unha acreditación oficial, con validez nacional, que terá os correspondentes efectos profesionais e/ou académicos. Expedirase unha acreditación parcial acumulable por cada unha das unidades de competencia superadas, que poderán ser validadas polos correspondentes módulos da formación profesional para o emprego (desempregados e ocupados) ou polos correspondentes módulos da FP inicial, podendo chegar a obter un certificado de profesionalidade nunha ocupación ou parte dun título de técnico ou técnico superior de FP.

Información sobre o procedemento

Existirá un servizo de información e orientación aberto e permanente, que lles proporcionará información e orientacións xerais a todas as persoas interesadas sobre o procedemento: fases, requisitos, documentación, calendarios, sedes etc.

Esta información e orientación xeral será proporcionada a través dunha rede de centros ou puntos de información.

Tamén haberá cuestionarios de avaliación, dispoñibles en liña, co fin de axudarlles ás persoas a tomar unha decisión sobre a súa participación no procedemento.

Requisitos para participar neste procedemento

  • Nacionalidade: española, residente comunitario ou autorización de residencia
  • Idade: 18 anos cumpridos, nas unidades de competencia de cualificacións de nivel I, e 20 anos, para os niveis II e III. Para as convocatorias que se realicen durante os anos 2009 e 2010, para a avaliación de unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel II, poderán presentarse as persoas que teñan 19 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición.
  • Experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias que se queren acreditar:
    • Experiencia laboral:
    • Para unidades de competencia de nivel II e III, 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas nos últimos 10 anos.
    • Para unidades de competencia de nivel I, 2 anos de experiencia laboral e mínimo de 1.200 horas.
    • Formación:
    • Nivel II e III, mínimo 300 horas nos últimos 10 anos.
    • Nivel I, mínimo 200 horas nos últimos 10 anos.
    • Por unidades de competencia: a duración establecida no módulo formativo asociado á unidade de competencia.

Os cidadáns e as cidadás que cumpran estes requisitos e decidan obter unha acreditación oficial da súa competencia profesional deberán inscribirse na convocatoria pública que realizarán conxuntamente as Administracións educativa e laboral e que se publicará no DOG e no BOE.

Os/as candidatos/as admitidos/as e seleccionados/as, no caso de que haxa límite de prazas, participarán nun proceso que se divide en tres fases: Asesoramento, Avaliación e Acreditación e rexistro da competencia profesional.

Inscrición

As solicitudes para participar no procedemento poderanse presentar a partir do día seguinte á publicación no DOG da orde que regula o procedemento para Galicia e establece a convocatoria para este ano.

A solicitude poderase xerar nesta páxina para ser cuberta, de xeito preferente, en liña, ou de xeito presencial. Xunto con esta solicitude deberá presentarse o resto da documentación xustificativa da experiencia e/ou formación, na forma, prazo e lugares que se indicarán na orde de convocatoria.

As listaxes provisionais e definitivas de persoas inscritas, admitidas e excluídas publicaranse na páxina web da consellería unha vez finalizado o prazo de inscrición, e dentro do calendario indicado na orde de convocatoria.

Como o número de prazas que se convocan é limitado, de existir maior número de persoas que cumpren os requisitos establecidos que número de prazas convocadas, aplicaranse os criterios de selección segundo o baremo que se establecerá como anexo na orde de convocatoria. En tal caso, publicaríase a relación de admitidos/as coa correspondente baremación.

Os/as candidatos/as seleccionados/as estarán en disposición de pasar á fase de asesoramento. O resto de persoas quedarán en situación de reserva para cubrir os abandonos e renuncias que se produzan, segundo a orde de puntuación que acadasen.

Fases do procedemento

O procedemento desenvolverase en tres fases:

1ª) Fase de asesoramento, co fin de axudar a autoavaliar a competencia de cada persoa e a completar o historial profesional e/ou formativo.

2ª) Fase de avaliación, co fin de comprobar esa competencia mediante distintos métodos e actividades de avaliación.

3ª) Fase de acreditación, co fin de recoñecer, mediante un documento oficial, a competencia profesional das persoas.

1. FASE DE ASESORAMENTO

É obrigatoria. Realizaranse, con carácter xeral, dúas sesións de asesoramento, unha grupal e polo menos unha individual.

1ª) Sesión grupal: será para informar sobre o proceso concreto de asesoramento, avaliación e acreditación e sobre os principais contidos das unidades de competencia correspondentes. Así mesmo, entregaráselle e explicaráselle á persoa candidata toda a documentación que deberá cubrir e completar nesta fase.

2ª) Entrevista individual: terá como obxectivo axudarlle á persoa candidata a completar o cuestionario de autoavaliación e o seu historial profesional e formativo, co fin de que coñeza as competencias e aprendizaxes que adquiriu ao longo da súa vida.

Actuará como asesora unha persoa experta nas unidades de competencia correspondentes.

O asesor ou a asesora, contrastando os contidos do cuestionario de autoavaliación e do historial profesional e formativo do/a candidato/a, realizará senllos informes orientativos, destinados ás persoas candidatas e á comisión de avaliación, indicando en cada unha das unidades de competencia se considera que hai ou non evidencias suficientes da competencia do/a candidato/a e, en consecuencia, informándoo da conveniencia de pasar á fase de avaliación ou ben continuar coa formación, caso en que lle indicará á persoa candidata a formación complementaria que debería realizar, así como os centros onde se oferta.

Estes informes son orientativos e non vinculantes, polo que a persoa candidata poderá decidir pasar á fase de avaliación presentando a solicitude de avaliación nas unidades de competencia que estime oportuno.

2. FASE DE AVALIACIÓN

A avaliación correrá a cargo dunha comisión de avaliación, constituída como mínimo por cinco expertos/as, profesionais ou docentes, nas correspondentes unidades de competencia.

A avaliación, en cada unha das unidades de competencia en que se inscriba o/a candidato/a, terá por obxecto comprobar se o/a candidato/a demostra o desempeño, aos niveis requiridos na produción e no emprego, isto é, se demostra a competencia profesional requirida en cada unidade de competencia (realizacións profesionais, criterios de realizacións, contexto profesional).

A avaliación da competencia profesional consiste basicamente na acumulación de probas ou evidencias suficientes da competencia do/a candidato/a. Estas evidencias poderán ser indirectas (historial profesional e formativo) ou directas (probas de avaliación).

Pero, como norma xeral, a avaliación non se baseará só en evidencias indirectas, senón que deberá ser completada con evidencias directas a través de distintos métodos e actividades de avaliación. Estes métodos poderán ser: entrevistas profesionais, simulacións, probas de competencia, observación no posto de traballo ou calquera outro método especificado nas guías de avaliación.

Así pois, o proceso de avaliación iníciase por parte da comisión de avaliación coa análise do informe do/a asesor/a e demais documentación xerada na fase de asesoramento.

Esta comisión de avaliación elaborará, para cada candidato/a, un plan individualizado de avaliación, que se acordará coa persoa candidata e no que se recollerán os métodos e actividades de avaliación, así como os lugares e datas previstas.

Tras a realización das actividades de avaliación, os resultados expresaranse en termos de competencia demostrada ou competencia non demostrada.

Estes resultados comunicaránselles de maneira confidencial ás persoas candidatas, informando tamén sobre os requisitos e as oportunidades para obter un certificado de profesionalidade ou un título de formación profesional.

Nas unidades de competencia nas que o/a candidato/a non obtivese unha avaliación positiva, proporcionaráselles un plan de formación, indicando a formación que debería realizar e os centros onde cursala.

3. FASE DE ACREDITACIÓN

Ás persoas candidatas que superen o proceso de avaliación, a consellería expedirálles unha acreditación de unidades de competencia, que terá carácter oficial e validez en todo o Estado.

Esta acreditación terá os efectos de acreditación parcial acumulable, e terá efectos de exención dos correspondentes módulos dos certificados de profesionalidade da FP para o emprego e validación dos módulos de títulos da FP Inicial.

Cando a persoa complete todas as unidades correspondentes a un certificado de profesionalidade, poderá solicitar este, e cando a persoa complete todas as unidades correspondentes a un título de FP, poderá solicitar este, sempre e cando ademais cumpra os requisitos de acceso (ESO para a FP de grao medio e bacharelato para a FP de grao superior) e complete os módulos que lle falten para completar o título (ex: FOL, FCT, empresa e iniciativa emprendedora etc.).

Esquema xeral 

Esquema do procedemento

Organización/s: Secretaría Xeral de Emprego
Tema/s: Formación e cualificacións