Compartir

Compártao :

Certificación persoal para a manipulación de gases fluorados

  • Certificación persoal para a manipulación de gases fluorados

As consellerías competentes para expedir estes certificados son a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

  • A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional é o órgano competente para emitir as certificacións persoais que se obteñan como consecuencia dunha formación regrada.
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano competente para emitir as certificacións persoais que se obteñan como consecuencia dun certificado de profesionalidade ou dun programa formativo.

O anexo I do Real decreto 115/2017 recolle os oito tipos de certificados persoais que existen e as distintas vías das que dispoñemos para obtelos.

Os oito certificados persoais son os seguintes:

  1. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.
  2. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a 3 kg de gases fluorados.
  3. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.
  4. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de 3 kg de refrixerantes fluorados.
  5. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de sistemas frigoríficos que empreguen refrixerantes fluorados destinados a confort térmico de persoas instalados en vehículos.
  6. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipos de protección contra incendios que empreguen gases fluorados como axente extintor.
  7. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de disolventes que conteñan gases fluorados e equipos que os empregan.
  8. Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de conmutadores eléctricos fixos que conteñan gases fluorados de efecto invernadoiro.