Compartir

Compártao :

Fomentar a xeotermia e outras enerxías renovables

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 27 de maio de 2015

A Xunta de Galicia mobilizará preto de 4,5 millóns de euros no fomento da xeotermia e outras renovables en empresas, fogares e administración pública. Deles, 1,3 millóns destinaranse para a implantación no rural galego de 300 equipos de xeotermia, aerotermia e solar térmica que supoñen importantes aforros económicos e levan aparelladas vantaxes medio ambientais. Os novos equipos de xeotermia e aerotermia acadan aforros económicos de ata o 70% en comparación con outras fontes de enerxía.

A eficiencia enerxética e o fomento das fontes renovables son dous dos piares de actuación da política enerxética do Goberno galego. Neste contexto, a Consellería de Economía activa unha novidosa liña encamiñada a impulsar as instalacións xeotérmicas na Comunidade, e que proporcionará tamén apoios para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa aerotermia e a solar térmica. En total, destínanse máis de 1,3 millóns de euros ao fomentos destas enerxías renovables en empresas, familias e administración pública, mobilizando preto de 4,5 millóns.

A través deste programa, dirixido ao ámbito rural, os interesados poderán acceder a axudas para instalar equipos térmicos, obtendo importantes aforros económicos cun maior compromiso medio ambiental. No caso da xeotermia e da aerotermia, os novos equipos permitirán acadar aforros económicos de ata o 70% en comparación con outras fontes de enerxía, mentres que na solar térmica, unha instalación de 4 metros cadrados supón un aforro de 250 euros anuais para unha economía familiar.   

A convocatoria está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e aspira a incrementar o emprego destas fontes renovables en Galicia, con apoios que oscilan entre o 30% e o 75%. En total, prevése o desenvolvemento de 300 proxectos que diminuirán en 360.000 litros ao ano o consumo de gasóleo, evitándose a emisión á atmosfera de 1.000 toneladas de CO2 por exercicio.

O plan da xeotermia
No caso concreto da xeotermia, o programa conta cun orzamento dun millón de euros, iniciando o desenvolvemento dun plan específico que busca  fomentar o aforro e a eficiencia enerxética co uso dunha enerxía limpa, autóctona e renovable que emprega o calor do subsolo para climatizar vivendas.

Este plan impulsará, ademais, a xeración de emprego no ciclo produtivo asociado ao aproveitamento da xeotermia, desde a captación de enerxía á súa transferencia mediante a instalación de bombas de calor en fogares.  Así, xunto a esta convocatoria de axudas, o plan contempla o desenvolvemento de cursos de formación ou a aposta pola calidade, distinguindo co selo Galicia Calidade aquelas instalacións de enerxía xeotérmica realizadas por empresas galegas que cumpran cos máis altos estándares de garantía, calidade, eficiencia e fiabilidade.

Así mesmo, simplificarase a autorización administrativa para a instalación destes equipos, que pasará de rexerse pola lei mineira a facelo polo regulamento de instalacións térmicas. Búscase potenciar así a demanda de xeotermia impulsando unha fonte de enerxía cun crecente interese en Galicia, como amosan os 800 equipos instalados nos últimos 3 anos.

Pola súa banda, a orde para a instalación de equipamentos térmicos de solar térmica e aerotermia dispón de máis de 300.000 euros. Os beneficiarios, como sucede coas caldeiras de biomasa, poderán solicitar, así mesmo, a dedución do 5% na súa declaración da renda, establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación deste tipo de equipamentos que empregan fontes renovables.

A aposta pola biomasa

Desta forma, a Xunta mantén a súa aposta polas fontes renovables, como xa está  a facer coa Estratexia integral de impulso da biomasa, que este ano activou a segunda convocatoria da orde para a implantación de caldeiras de biomasa, que sumou 12 millóns á instalación de máis de mil equipamentos en familias, empresas e administración pública galega.  

Así mesmo, a liña de xeotermia, solar térmica e aerotermia encádrase no Plan de aforro e eficiencia enerxética en vivendas que ten activado este exercicio o Goberno galego, e que xunto ao emprego de fontes renovables, atende á mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes. O conxunto deste plan, sumado á orde de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa, supón un investimento total de 16,5 millóns ao aforro enerxético en 2015. Unha cifra que permitirá mobilizar 37 millóns e xerar un aforro económico global de 8 millóns de euros nos fogares, nas empresas e na administración pública.  

Contactos relacionados

Organización/s: Instituto Enerxético de Galicia - Inega
Tema/s: Enerxía