Compartir

Compártao :

Axudas ao impulso da mobilidade eficiente

  • Axudas ao impulso da mobilidade eficiente

A Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon en marcha un programa de axudas para facilitar a renovación do parque móbil galego.

A nova orde inclúe a substitución de vehículos de máis de 10 anos de antigüidade por novos modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

Obxectivos

  • Empresarial. A previsión é que se poidan renovar 2.000 turismos e furgonetas, mobilizando así 40M€
  • Laboral. Xeración de 320 empregos directos
  • Medioambiental. Redución das emisións de CO2 ao ano en 1.600 toneladas, o equivalente a acción de 80.000 árbores
  • Económico. Aforros ao conxunto dos particulares que adquiran  aos vehículos de preto 727.000 euros anuais

Beneficiarios

A liña de axudas aprobada alcanza os 1,1 millóns de euros. Os principais beneficiarios son:

  • persoas físicas residentes en Galicia (800.000 euros),
  • e autónomos e empresas con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia (300.000 euros).

Tipo de vehículos

A nova orde permite a adquisición de vehículos de ata 40.000 euros, impostos incluídos. Poderán ser tanto turismos como furgonetas.

No caso dos turismos, que deberán contar coa clasificación enerxética A, existen dúas modalidades: turismos que emitan ata 100 gramos de CO2 por quilómetro e os que emitan como máximo 120 gramos.

Nas furgonetas, os modelos subvencionables non superarán os 137 gramos de CO2 por quilómetro.

Para o pagamento da axuda, ademais debe acreditarse a baixa definitiva dun automóbil a achatarrar. Este turismo ou furgoneta deberá estar matriculado en España, ter 10 anos de antigüidade como mínimo, coa ITV en vigor e o futuro beneficiario debe ser o seu titular polo menos desde un ano antes de formalizar a solicitude de axuda.

Contía das axudas

As persoas físicas poderán acollerse ás axudas para comprar un turismo ou unha furgoneta, mentres que empresas e autónomos terán a posibilidade de adquirir unha ou dúas furgonetas.

As axudas da Xunta serán de 750 euros para os particulares que compren un turismo que emita como máximo 100 gramos de CO2 por quilómetro; e de 500 euros para persoas físicas que adquiran un coche con emisións de ata 120 gramos, ou para particulares, empresas e autónomos que compren furgonetas que cumpran cos criterios establecidos.

A estas axudas da Xunta hai que engadir un desconto similar por parte do concesionario, polo que o cliente poderá beneficiarse de aforros de entre 1.000 e 1.500 euros, en función do modelo, na compra do vehículo.

Prazos e tramitación de solicitudes

As entidades colaboradoras, neste caso, concesionarios e puntos de venda autorizados en Galicia, encargaranse de pedir as axudas en nome dos seus clientes. Todo o proceso de tramitación será por vía telemática (solicitude, consulta do estado do expediente e da documentación presentada).

O prazo para a solicitude das axudas estará aberto entre o 24 de xullo e o 15 de outubro, sendo nese mesmo período no que deberá ser comprado o vehículo.

Hai que ter en conta que se trata dunha orde por concorrencia non competitiva e, polo tanto, o reparto dos fondos será por orde de chegada das solicitudes.