Compartir

Compártao :

Axudas a concellos para a iluminación pública exterior

Fonte de información: Instituto Enerxético de Galicia - Inega

Economía e Industria destina 1,4 millóns a un programa que nos últimos seis anos ten beneficiado a preto de 230 concellos, o 75% do total  da Comunidade. A contía da axuda será do 70% do investimento, e incrementarase nun 15% para as agrupacións e fusións con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual.

Esta liña de apoios encádrase na aposta do Goberno galego polo aforro e a eficiencia enerxética nas administracións locais, que permitiu no último ano desenvolver outras iniciativas como a instalación de medio cento de caldeiras de biomasa nos municipios. As actuacións permitirán reducir ata nun 50% a factura eléctrica das zonas beneficiadas, contribuíndo á mellora da situación económica dos concellos.

A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos, activa unha nova convocatoria da liña para a renovación de iluminación pública exterior, coa que aspira a beneficiar este ano a máis de medio cento de municipios galegos que acadarán un aforro económico conxunto de case 4,5 millóns de euros durante os dez anos de vida útil dos equipos, o equivalente ao consumo anual dunhas 760 familias.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos 6 anos a través desta liña do Inega, que permitiu mobilizar 22 millóns de euros en 230 concellos galegos, o 75% do total, que puideron acceder a axudas para renovar os seus equipos por outros máis eficientes, desenvolvendo proxectos que supoñen aforros de ata un 50% no custo da factura eléctrica das zonas beneficiadas.

A convocatoria suma neste ano 2015 1,4 millóns de euros, e achegará apoios do 70% do investimento, que se verán incrementados, unha vez máis, nun 15% para as agrupacións e fusións municipais.

As actuacións a levar a cabo céntranse na mellora da iluminación pública exterior, eido que supón, de media, o 70% do consumo eléctrico dun municipio. Así, xunto ao aforro económico, xerarase un aforro enerxético de máis de 2.650.000 kWh/ano, ao tempo que se reducirán as emisións de CO2 a atmosfera nunhas 1.700 toneladas por exercicio, o equivalente a plantar arredor de 86.000 árbores.

Desta forma, a Consellería de Economía e Industria segue a apostar pola eficiencia enerxética nos concellos galegos. Un compromiso reforzado con outras actuacións, como a orde de axudas para a implantación de caldeiras de biomasa, que permitiu o ano pasado a implantación de 80 equipos en medio cento de concellos galegos que están a obter, de modo conxunto, un aforro anual de 250.000 euros. 

A Xunta segue así a apostar polo aforro e a eficiencia enerxética municipal así como polo fomento da utilización de fontes renovables. Unha aposta que se complementa co asesoramento enerxético de carácter multidisciplinar que presta o Inega aos concellos, resolvendo as súas dubidas e achegándolles ferramentas prácticas como o optimizador de facturación, dispoñible na web do Instituto –http://www.inega.es-, e que permite aos concellos galegos obter solucións prácticas para mellorar a súa factura eléctrica.

Contactos relacionados

Organización/s: Instituto Enerxético de Galicia - Inega
Tema/s: Enerxía
Colectivo/s: Outra administración