Inicio > > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Bono social eléctrico

A Xunta renova o seu compromiso coas familias máis vulnerables e, en 2020, conta de novo con axudas complementarias ao bono social do Estado para evitar, así, os cortes de subministración eléctrica nos fogares galegos con máis dificultades.

Esta liña de apoios está dirixida aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social. En concreto, os destinatarios son persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos (por tanto beneficiarios do bono social estatal cun 40% de desconto) e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante certificado ou informe expedido polos servizos sociais.

Os apoios, que se outorgarán por concorrencia non competitiva a todos cantos cumpran os requisitos, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-.

Esta cantidade, unida ás axudas estatais, permitirá que as familias con máis dificultades non teñan que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo, deste xeito, o acceso continuado á subministración nos fogares máis vulnerables e dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.

Para facilitar o acceso a estas axudas, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes tanto de xeito presencial como telemático.

Establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución, polo que unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, realizarase o pagamento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria directamente aos comercializadores de referencia cos que se teña asinado un protocolo de colaboración.

A Xunta destina 1,3 millóns de euros á nova convocatoria, orzamento que será ampliado no caso de ser necesario. 

Organización/s: Dirección Xeral de Enerxía e Minas
Tema/s: Enerxía
Colectivo/s: Consumidor/a