Portada > > Iniciativas

Estratexia autónomo 2020

Compartir
  • Estratexia autónomo 2020

A Xunta está desenvolvendo a Estratexia Autónomo 2020 á que destina 40 millóns anuais co obxectivo de apoiar de media máis de 10.000 traballadores cada ano, o que supón un incremento do 45 % sobre a última lexislatura. O documento contén 20 actuacións das que a metade son novas na Comunidade.

O colectivo autónomo é unha prioridade para o Goberno galego que está involucrado na busca de fórmulas que permitan impulsar e dar o recoñecemento que merece este sector na economía galega. Por iso, a estratexia nace para consolidar a Galicia como o mellor espazo onde desenvolver iniciativas exitosas no eido do emprego autónomo.  O seguimento, control e mellora desta folla de ruta realízase a través da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, na cal están presentes todos os axentes involucrados e con representatividade.
 
Para fortalecer o sector, o documento contén tres prioridades: incorporar novas persoas ao emprego autónomo, consolidar o xa existente para garantir a súa viabilidade e simplificar e axilizar a tramitación administrativa. Para levar a cabo estas actuacións están mellorándose os apoios no arranque e consolidación da actividade e na remuda xeracional, e os programas que promoven a calidade de vida e os servizos destes traballadores.
 
Este ano darase continuidade ás  axudas que se impulsaron por primeira vez en 2017 como foron o Bono Autónomo, a tarifa plana de 50 euros, a Oficina do Autónomo ou a axuda que permite ampliar en 16 semanas a bonificación do Estado para a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade.
 
Este ano, ademais, sumaranse novos programas para fomentar o relevo xeracional e para facilitar unha segunda oportunidade co fin de apoiar aos autónomos no inicio dunha nova actividade ou reemprender. O obxectivo final é que Galicia siga sendo unha terra de oportunidades e o mellor lugar para emprender.
 
Tarifa plana

A ampliación da tarifa plana de 50 euros 6 meses adicionais da do Estado permite aos autónomos e autónomas galegos/as abonar só dita cantidade durante o primeiro ano de actividade.
 
Así mesmo, a Xunta dará continuidade este ano ao Bono autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade. Deste cheque poden ser beneficiarios os/as traballadores/as cunha antigüidade de máis de 42 meses e cunha facturación inferior aos 30.000 euros. A axuda, coa que se prevé chegar a 1.000 persoas ao ano, deberá empregarse en servizos dirixidos a mellorar a súa competitividade.
 
A Xunta, ademáis, o pasado ano ampliou 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social para conciliar. A axuda vai dirixida aos traballadores e traballadoras beneficiarios/as da bonificación por maternidade ou paternidade do Estado que teñan contratada unha persoa durante este período. A persoa autónoma pode acollerse tamén aos incentivos previstos pola Xunta para a contratación.
 
Oficina do Autónomo

Outra das medidas innovadoras que xa se implantou  é a Oficina do Autónomo,  un espazo unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores e traballadoras poden consultar toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.
 
Tamén activouse un programa específico de formación para este sector co obxectivo de contribuír á mellora e adaptación aos novos tempos.
 
A estratexia tamén contén, cun orzamento dun millón de euros, un programa de remuda xeracional para a continuidade de negocios que favorezan a integración da mocidade, que se prevé poner en marcha este ano.
 
Programas de apoios activados

Todas estas medidas complétanse cos apoios ao establecemento como autónomo/a e á contratación indefinida que xa están activos este ano: axudas por valor de 14,6 millóns para impulsar o inicio da actividade, coas que se prevé beneficiar a 4.100 autónomos; e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadores en 190 empresas de autónomos, para as que se dedican 1,35 millóns. En total, a Xunta inviste nestas dúas iniciativas 16 millóns de euros.
 
Os autónomos e autónomas poden tamén beneficiarse dos apoios financeiros do Igape, da Rede de Aceleradoras de Espazos Coworking e de programas específicos de recoñecementos médicos e de prevención de riscos laborais, así como dos servizos TIC.
 
A Estratexia do Autónomo responde a unha actuación enmarcada na Axenda 20 para o Emprego encamiñada a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e na Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0.

Contactos relacionados

  • Secretaría Xeral de Emprego

    San Lazaro, s/n
    15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)
    Teléfono: 981 545 400

Organización/s: Secretaría Xeral de Emprego; Instituto Galego de Promoción Económica - Igape Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Tema/s: Emprego