Portada > > Iniciativas

Plan de Impulso ao Comercio

Compartir
O plan fíxase, entre o seus obxectivos, incrementar nun 15% os emprendedores que traballan no sector; triplicar a porcentaxe de empresas que venden en internet e aumentar nun 10 % o número de comercios que se asocian para competir

Esta estratexia destinará 70 millóns ata 2020 para modernizar o sector, afianzando o comercio de proximidade, impulsando o comercio online e o smart commerce e potenciando a excelencia.

O novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia destinará 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos:

  • Afianzar un sector comercial renovado
  • Impulsar o smart commerce e o comercio electrónico
  • Potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Entre os obxectivos que se fixan nesta folla de ruta está incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector, ata chegar aos 60.800 en 2020; triplicar a porcentaxe de empresas de menos de 10 traballadores que venden na internet, alcanzando o 14 %; e incrementar nun 10 % o número de comercios que se asocian para competir, chegando ata os 20.000.

O primeiro dos eixes deste plan, que conta coas achegas do sector, céntrase na mellora da competitividade, afianzando un comercio actual e xerador de riqueza. Impulsarase a consolidación do sector comercial galego mellorando a regulación, eliminando trabas ao emprendemento, impulsando a profesionalización e facilitando o acceso ao financiamento para a activación e a mellora dos negocios.

Entre as medidas específicas que se prevén no Plan atópanse a posta en marcha dun programa de axudas para a mellora das infraestruturas comerciais, con especial atención aos centros históricos das vilas e cidades galegas, e a activación de apoios para a apertura de novos establecementos en concellos de zonas rurais de menos de 5.000 habitantes, para garantir o abastecemento de todo o territorio.

Unha das apostas do novo Plan de impulso ao comercio céntrase en aproveitar sinerxías entre comercio e turismo, con accións como a creación de mapas con rutas de comercio vinculadas a atractivos turísticos da cidade, así como coa elaboración dun calendario completo de eventos que se combinarán con actividades comerciais.

Tamén se fomentará a comercialización do produto autóctono nos mercados nacionais e internacionais baixo as marcas Galicia Calidade e Artesanía de Galicia, que contará con establecementos no Camiño de Santiago, e crearanse canles de distribución entre produtores e empresas de distribución para a eliminación de custos intermedios que redunden nun prezo final máis axeitado e que incremente a competitividade do comercio.

Así, co obxectivo de avanzar neste eido, entre as medidas que se activarán no período 2015-2016 dentro deste primeiro eixe do plan destaca a creación en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar dun proxecto piloto de bolsa de produtores locais de determinadas zonas. Tamén se poñerán en marcha accións de formación específicas co obxectivo de difundir e potenciar boas prácticas no comercio.

O cliente no centro da estratexia

Máis do 40 % dos recursos do novo plan destinaranse ao segundo dos retos, con actuacións concretas para establecer o smart commerce, un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia. Apóstase por incrementar a innovación no comercio galego como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando o comercio electrónico e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.

Para logralo, poñerase en marcha unha bolsa de ideas de comercialización de produto co obxectivo de convertelas en iniciativas comerciais viables. Tamén se activará un programa piloto de innovación en formatos comerciais pop up, a través de axudas a emprendedores interesados en desenvolver un novo concepto comercial. No eido das novas tecnoloxías, activaranse apoios para o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas e para impulsar o comercio electrónico.

Activaranse do mesmo xeito axudas para modernizar a imaxe dos establecementos comerciais, os centros comerciais abertos e as prazas de abastos, nas cales se impulsará, ademais, a creación de espazos comerciais multifuncionais en que teñan lugar actividades complementarias, como demostracións culinarias, catas ou cursos de cociña. Ademais, crearase unha Rede de Mercados Excelentes.

Entre as accións que se desenvolverán de forma máis inminente dentro deste segundo eixe do plan destacan a activación de axudas para o desenvolvemento de apps e webs móbiles para os comercios, así como para o desenvolvemento de técnicas de community management e aproveitamento de utilidades web; ademais da creación dunha app específica en que se localizarán as diferentes prazas de abastos, mercados e feiras tradicionais, achegando a información máis destacada sobre elas.

Potenciar o comercio excelente

O terceiro dos grandes retos que se fixa o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia é a potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e a mellora continua do servizo. Neste ámbito, promoveranse novas estratexias de incentivación da demanda con actuacións que dinamicen os centros urbanos, permitan a atracción de visitantes e compradores e incrementen as vendas.

Entre as medidas que se recollen no novo plan para lograr este terceiro reto destacan a activación de axudas para o desenvolvemento de campañas de dinamización comercial e a potenciación de sistemas de fidelización entre colectivos específicos. Tamén se poñerán en marcha actuacións encamiñadas a potenciar un comercio sustentable, implicado coa eficiencia enerxética e a preservación do ambiente, así como medidas destinadas a impulsar a responsabilidade social corporativa no sector comercial. Do mesmo xeito, co obxectivo de impulsar a prestación d e novos servizos aos clientes, potenciarase a creación de ludotecas, espazos infantís e salas de lactación nos centros comerciais abertos. Ademais, para poñer de exemplo as mellores iniciativas desde o punto de vista da innovación, a experiencia e a atención ao público, outra das accións recollidas no plan é a creación dos premios do comercio galego.

A posta en marcha de Grupos do Comercio e o Consumo Responsable nas sete principais cidades galegas e a activación de apoios aos modelos comerciais que impliquen redución de envases e bolsas, así como a utilización de elementos biodegradables, son algunhas das medidas que se activarán de xeito máis inmediato dentro deste eixe.

Co novo Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia a Consellería de Economía e Industria reafirma o seu compromiso co comercio de proximidade galego como un dos sectores clave para a economía da comunidade, traballando desde o punto de vista das empresas, as ideas e os clientes, co obxectivo de reforzar a súa contribución á creación de riqueza e emprego en Galicia.

Contactos relacionados

Organización/s: Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Tema/s: Comercio
Colectivo/s: Comerciante