Inicio > Recursos > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Programa Galicia 1000 de apoio ao financiamento das pemes galegas

Galicia 1000 incrementa un 50% o seu orzamento para mobilizar 300 millóns en proxectos de pemes galegas

Tras o éxito da primeira edición, a Xunta dá continuidade a un paquete integral para o que destina 75 millóns, que impulsarán 1.100 iniciativas, achegando financiamento adaptado ao tamaño, ás necesidades concretas e á situación de cada empresa.

A Xunta de Galicia ten entre as prioridades da súa política económica o fortalecemento e mellora da capacidade de financiamento do tecido empresarial galego, en especial das súas pemes. Neste contexto, o Consello da Xunta coñeceu hoxe, tras o éxito da primeira edición, unha nova convocatoria do programa “Galicia 1000”. Este paquete integral busca achegar financiamento adaptado ao tamaño, ás necesidades concretas e á situación de cada empresa. Para acadar este obxectivo, increméntase un 50% o orzamento, sumando 75 millóns para financiar máis de 1.100 novas iniciativas empresariais que mobilizarán 300 millóns de euros.

A través deste investimento, o Goberno galego pretende consolidar os proxectos de emprendedores e pemes galegas; impulsar procesos de innovación e internacionalización; e facilitar a execución de novos investimentos de empresas en disposición de medrar e crear emprego, especialmente no sector industrial de acordo coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Neste contexto, o programa Galicia 1000 configúrase como un plan realista que busca axudar as pemes galegas no seu financiamento e facilitar o acceso ao crédito ofrecendo cinco ferramentas que se adaptan á situación financeira real de cada empresa: fondos de capital risco, préstamos Jeremie e BEI, bonificacións de tipos de xuro e avais.

O capital risco, primeiro destes instrumentos, suma 40 millóns encamiñados a reforzar o capital das pemes e potenciar que gañen tamaño. Un esforzo que se estende ao impulso de novos proxectos emprendedores, con especial énfase no emprendemento industrial e innovador, e á identificación de empresas tractoras que aposten pola innovación.

A través de préstamos chegarase tanto aos proxectos industrias das pequenas e medianas empresas como a iniciativas de maior envergadura. No primeiro caso farase cos Jeremie, que se centrarán en potenciar a competitividade de pemes e microempresas. Estes préstamos, dotados con 8 millóns de fondos europeos, promoverán novos investimentos en equipos, naves e maquinaria industrial facilitando a mellora no seu desempeño diario.

Para proxectos de maior contía, incorpórase a liña de préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) que, cun orzamento de 20 millóns de euros para o seu primeiro ano, contribuirá ao fortalecemento da industria galega e á proxección exterior das pemes. Os BEI facilitarán, dun lado, novos investimentos con capacidade para fixar tecido industrial en Galicia, con préstamos de ata 5 millóns e ata 12 anos promovidos, fundamentalmente por pemes industrias e empresas do sector da automoción. E, doutro, apoiarán o circulante para que as empresas fortalezan a súa estrutura financeira e gañen tamaño.

Para favorecer o emprendemento, especialmente na industria, en condicións máis vantaxosas e achegar liquidez para o desenvolvemento da actividade ordinaria, o Igape pon á disposición das pemes a bonificación de tipos de xuro, dos préstamos e microcréditos outorgados polas entidades financeiras, con 2 millóns de euros.

Por último, achegaranse 5 millóns para reforzar a solvencia do tecido produtivo avalando operacións de acceso ao circulante. O obxectivo é facilitar o financiamento bancario cara a impulsar o investimento empresarial e industrial.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, a través de Igape e Xesgalicia, segue a colaborar co empresariado galego para que ningún proxecto viable quede sen levarse a cabo por falta de apoio. O obxectivo é dar continuidade aos bos resultados que ten acadado xa o programa “Galicia 1000”, mobilizando máis de 100 millóns de euros en 946 proxectos promovidos por pemes galegas, moitas delas microempresas, e contribuíndo ao mantemento ou xeración de 12.000 postos de traballo a través de proxectos que favorecen o emprendemento e a innovación, incrementando a competitividade empresarial.

Toda a información

Organización/s: Axencia Galega de Innovación - Gain
Colectivo/s: Peme