Inicio > Recursos > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0

Fonte de información: Consello da Xunta

Coa aprobación da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0 o Goberno galego mobilizará 500 millóns nos dous primeiros anos na procura dunha industria competitiva, intelixente, diferenciada e xeradora de emprego. A aposta pola fábrica intelixente suma 40 millóns de euros, o 33% do total, con programas como o Concurso de Ideas Industria 4.0, ou a liña de subvencións e instrumentos financeiros para promover proxectos neste eido.

O Goberno galego ten no impulso da competitividade industrial un dos eixos fundamentais de desenvolvemento da súa política económica co obxectivo de fixar tecido industrial en Galicia consolidando o crecemento. Neste contexto, o Consello da Xunta aprobou a Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, que nace desde a unidade de acción e o diálogo mantido con todos os axentes implicados de cara a coordinar e facilitar a modernización da industria. Así, destinaranse 120 millóns de euros nos dous primeiros anos do seu desenvolvemento, un investimento co que a Xunta aspira a reinventar a industria galega promovendo un modelo máis competitivo orientado cara a fábrica intelixente.
 
Deste xeito, impulsaranse distintas iniciativas que mobilizarán arredor de 500 millóns de euros ata finais de 2016 na procura dunha industria competitiva, intelixente e diferenciada, co obxectivo de fixar tecido industrial con capacidade para recuperar o emprego e xerar novos postos de traballo. Para isto, porase o foco nas necesidades concretas das pequenas e medianas empresas, parte fundamental do tecido produtivo galego, sen esquecer ás grandes empresas polo seu efecto tractor na economía e pola súa contribución á imaxe de Galicia.

A Axenda, que ten sido ten sido consensuada con 120 axentes e aprobada polo Consello Galego de Economía e Competitividade, desenvolverase a través de 5 eixos de actuación: factores territoriais de competitividade, persoas e organizacións, crecemento, innovación e mercados.

Neste sentido, cómpre salientar que a aposta pola fábrica intelixente ocupará un lugar prioritario, sumando 40 millóns de euros á súa promoción, o 33% do investimento previsto durante estes dous anos. O obxectivo é consolidar en Galicia a denominada Industria 4.0, composta por fábricas intelixentes, automatizadas, flexibles, interconectadas, sostibles e sociais, que contan con espazos compartidos entre humanos e máquinas, e outorgan máis responsabilidades ás persoas, máis cualificadas e ben formadas, capaces de xestionar eficientemente os novos ámbitos produtivos.

Así, entre as medidas prioritarias que se porán en marcha neste bienio, destaca o programa mixto de apoios e instrumentos financeiros, que destinará 10 millóns de euros á promoción de proxectos innovadores no eido da fábrica intelixente. Ademais, desenvolverase o Concurso de Ideas Industria 4.0, que suma 3 millóns para financiar os mellores proxectos sectoriais demostrativos orientados ao desenvolvemento de tecnoloxía cara a fábrica intelixente.

Así mesmo, activarase un paquete integral de apoio financeiro que inclúe distintas liñas de promoción do investimento, préstamos e avais encamiñados a facilitar a realización de proxectos de investimento industrial. Este paquete conta con 67 millóns, priorizándose na súa execución tanto a adaptación cara a fábrica do futuro como o feito de que as empresas gañen tamaño.

Formación en industria 4.0
Esta aposta pola fábrica intelixente faise extensible tamén ao eixo das persoas e as organizacións. Así, activarase un programa específico de formación para os cadros directivos das empresas e os mandos intermedios que abordará as principais tendencias de futuro no sector industrial. Unha liña que se complementa cun programa que se centrará no diagnóstico e implantación de solucións Fábrica 4.0 nas pemes, facilitando a prestación de servizos de análise de situación, e o acompañamento na implantación de manufacturas e de ferramentas TIC e de aforro enerxético.  

Pola súa banda, os denominados business factories, focos de emprendemento industrial, promoverán á creación e desenvolvemento de start ups innovadoras mediante programas de de aceleración e incubación, servindo de modelo de transferencia dos avances tecnolóxicos á industria.

No tocante aos factores territoriais de competitividade, a Axenda inclúe, xunto ao programa de abaratamento de solo industrial, con rebaixas de ata o 50% no custo do metro cadrado e financiamento de ata o 40% do custo dos proxectos, outro tipo de iniciativas, como o Plan de Optimización Loxística de Galicia, que permitirá coordinar, especializar e adecuar os portos, aeroportos, transporte ferroviario e infraestrutura loxísticas da Comunidade.

Ademais, crearase unha Oficina Doing Business, que supón un novo paso na simplificación administrativa para a posta en marcha de proxectos, configurándose como unha plataforma pública online que permitirá aos usuarios propoñer suxerencias, suprimir barreiras ou solucionar problemas concretos sobre proxectos en tramitación.    

Impulso da industria exportadora  
No eido da internacionalización, e vinculado directamente co desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, a Axenda destinará nos próximos dous anos máis de 14 millóns ao impulso da industria exportadora a través dun plan de facilitará o crecemento de ventas no exterior e o afianzamento da estruturas financeiras das empresas con este obxectivo.

A través destas medidas prioritarias que se irán aplicando nos vindeiros meses, o Goberno galego aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade. O obxectivo é incrementar o peso da industria no PIB da Comunidade en 6,9 puntos ata acadar o 20% no ano 2020, creando 50.000 novos empregos de calidade durante este período.

A Axenda presenta unha clara orientación sectorial co obxectivo tanto de reforzar sectores estratéxicos da economía galega –agroalimentario, automoción, naval, forestal ou téxtil-, como de impulsar outros emerxentes e de maior valor engadido, como o aeronáutico, o biotecnolóxico ou as TIC. Neste contexto, aposta polo equilibrio entre o reforzo dos sectores tradicionais e o impulso dos emerxentes así como pola diversificación de produtos, ao tempo que se facilita a hibridación multisectorial, que supón a interconexión de sectores distintos na procura de aproveitar as sinerxías entre eles para mellorar a súa competitividade no mercado global.

A Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 aspira a fortalecer todos estes sectores produtivos para crecer e crear emprego. E o fará atendendo na súa planificación ao Horizonte 2020, en liña coas directrices da Unión Europa, ao igual que se fixo coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), e propia Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega.

Contactos relacionados

  • Instituto Galego de Promoción Económica

    Teléfono: 900 815 151
    Correo-e: informa@igape.es

Organización/s: Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Tema/s: Industria; Competitividade e cooperación empresarial
Colectivo/s: Empresa
Feitos vitais: Innovar; Crear unha empresa