Inicio > Recursos > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Programa para a instalación de caldeiras de biomasa

Fonte de información: Consello da Xunta
  • Programa para a instalación de caldeiras de biomasa

A estratexia de impulso da biomasa avanza cunha nova orde de axudas de 9,3 millóns para a implantación de caldeiras que permite reducir o gasto en calefacción á metade. A liña de apoios, dirixida ao ámbito rural, favorecerá o incremento da demanda con axudas que poden chegar ata 200.000 euros e beneficiarán a familias, empresas e administración pública.

O Goberno galego, na súa aposta polas fontes renovables autóctonas como un dos piares fundamentais da súa política enerxética, segue dando pasos no desenvolvemento da Estratexia Integral de impulso da Biomasa Forestal. Esta Estratexia prevé mobilizar 450 millóns de euros ata o 2020, triplicando o consumo da biomasa na Comunidade neste período. Para acadar estes obxectivos, o Consello da Xunta do 22 de xaneiro de 2015 aprobou a segunda convocatoria da orde para a implantación de caldeiras de biomasa. Esta liña, que suma un ano máis 9,3 millóns de euros, persegue incrementar a demanda deste combustible nos fogares, nas empresas e na propia administración pública, reducindo á metade o gasto en calefacción cun maior compromiso medio ambiental.

Como novidade, no 2015 os beneficiarios poderán solicitar unha dedución do 5% na súa declaración da renda, bonificación fiscal establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación de equipos de climatización ou auga quente sanitaria que empreguen fontes renovables.

A nova orde prevé a instalación de preto de 1.000 novos equipos, con apoios que poden chegar ao 100% do custo do proxecto cun máximo de 200.000 euros. Dáse así continuidade ao traballo levado a cabo o ano pasado, e que permitiu a instalación de 400 caldeiras nos fogares galegos, 120 no tecido empresarial da Comunidade, e 80 nas administracións públicas. Neste sentido, cómpre salientar que a implantación destes equipos ten incrementado o consumo de pellets e estelas en Galicia nunhas 24.000 toneladas, máis do 15% do consumo actual.   

Aforros que poden chegar ata o 50%

Estas caldeiras permiten aforros económicos que poden chegar ata o 50%. Así, un equipo de biomasa diminúe en preto de 700 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasóleo, cifra que se sitúa en case 13.000 euros no caso dun edificio do sector servizos que instale unha caldeira con capacidade de abastecer a súa demanda térmica, e aos 130.000 euros para unha industria.  
 
O programa, dirixido ao ámbito rural e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), da continuidade ás distintas actuacións que está a realizar a Xunta no contexto da mencionada Estratexia de Impulso da Biomasa. Neste sentido, Galicia Calidade certificará a orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega, garantindo a trazabilidade e a calidade deste combustible feito en Galicia, o que potenciará o seu posicionamento no mercado.  

Un traballo que se suma ao compromiso do Igape e da Axencia Galega de Innovación, que están a priorizar aqueles proxectos que teñen que ver coa biomasa. Unha aposta que se manterá neste 2015 e que ten permitido ata a data impulsar distintas iniciativas que mobilizan xa máis de 20 millóns de euros. Ese labor se complementa co esforzo da Consellería de Medio Rural e do Mar, que está a apoiar unha xestión sostible dos bosques galegos con liñas de mellora para o aproveitamento forestal.

Así mesmo, a Estratexia contempla tamén outro tipo de actuacións como a activación de iniciativas de district heating para a promoción de redes de subministración de enerxía xerada con biomasa; ou a creación do Foro da Biomasa, que se vén de por en marcha esta semana co obxectivo de analizar e diagnosticar o desenvolvemento do plan e propor medidas de apoio en relación aos problemas detectados.

Galicia aspira, así, a activar unha industria asociada á valorización enerxética da biomasa que impulsará o seu consumo con fins térmicos e xerará máis de 1.000 postos de traballo, tanto na transformación e distribución, como na instalación de caldeiras. Ademais, reducirase a dependencia enerxética dos derivados do petróleo, aspirando a acadar un aforro económico anual de 70 millóns de euros.

Contactos relacionados

Organización/s: Instituto Enerxético de Galicia - Inega
Tema/s: Enerxía