Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

Tres empresas de Artesanía de Galicia, entre as finalistas dos Premios Nacionais 2021

Actualizado o: 11 outubro 2021 12:15
Fonte de información: Xunta de Galicia

O obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela), especializado en bordado, e o de xoiería Rígido (A Coruña) competirán polo Premio Emprendemento, mentres que o compostelán Noroeste Obradoiro opta ao Premio Produto pola súa colección de xoias Línea

Santiago de Compostela, 11 de outubro 2021.- Tres candidaturas galegas avaladas por Artesanía de Galicia optan como finalistas aos XIV Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase dos obradoiros Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela), ambos aspirantes ao Premio Emprendemento, e o de xoiería Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), que compite na categoría de Premio Produto.

Estes galardóns nacionais están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Con eles búscase recoñecer a aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que teñan contribuído de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.

En total, a XIV edición dos Premios Nacionais de Artesanía recibiu 116 candidaturas procedentes de toda España e de multitude de sectores, das cales foron seleccionados 15 proxectos finalistas, tres por cada unha das cinco categorías dos galardóns.

Finalistas galegos

O obradoiro de xoiería compostelán Noroeste Obradoiro –que xa fora gañador do Premio Artesanía de Galicia 2016– opta ao Premio Produto por Línea, unha colección de xoias que reflicten a súa filosofía de traballo xa que as pezas están inspiradas no concepto da liña, deixando sempre presente o valor da simplicidade xeométrica e unha textura delicada sobre o metal, ouro ou prata, que o converte en pel. A colección baséase nun conxunto de colares, pulseiras e pendentes en ouro, prata e mixtos, ocasionalmente con mínimos engadidos de pequenas pedras de cor ou diamantes en engastes sinxelos.


Na categoría Premio ao Emprendemento compiten as outras dúas candidaturas galegas. Por unha banda, o obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela), que xa resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto 2019 nos Premios Artesanía de Galicia e co segundo premio Versiona Thyssen 2020. A firma, con Minia Banet á fronte, é un estudio creativo que mestura a fotografía co bordado contemporáneo dando lugar a singulares pezas de decoración e accesorios que comercializa en tendas físicas e online de España, Francia e Alemaña. Foi creado en 2017 co obxectivo de aprender, conservar e modernizar unha técnica milenaria como é o bordado tradicional.

A outra empresa galega finalista nesta categoría é o obradoiro coruñés Rígido, especializado en xoiería. O proxecto veu a luz en 2020 da man de Carla Barral e Javier González coa intención de comunicar que a artesanía pode ser deseño, que pode ser moda e, sobre todo, que a artesanía e a produción local son un camiño necesario nos hábitos de consumo do século XXI.