Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta pon a Formato Verde como exemplo de empresa galega que aposta pola internacionalización

Actualizado o: 16 setembro 2021 12:52
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou as instalacións da compañía en San Cibrao das Viñas onde subliñou que, nos últimos anos grazas ao programa Galicia Exporta, teñen impulsado a súa presencia en feiras e eventos expositivos internacionais

Destaca que a nova Estratexia de Internacionalización da Xunta destina, ata o 2023, máis de dez millóns de euros para acompañar ás empresas galegas nos mercados de destino, facilitando accións de promoción e venda
 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 16 de setembro de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou esta mañá as instalacións de Formato Verde, no polígono industrial de San Cibrao das Viñas. Unha empresa á que puxo como exemplo dunha “aposta decidida” pola internacionalización que lle ten permitido medrar e acadar novos mercados.

En concreto, a compañía, que desde o 2001 se dedica á fabricación de equipos para a recollida de residuos urbanos, conta nestes momentos con presencia en diferentes mercados entre os que destacan España, Francia, Portugal, Oriente Medio e algúns países de Europa do Este.

Un crecemento que, como subliñou Guldrís, é acompañado polo Goberno galego, especialmente a través do programa Galicia Exporta. Esta liña, da que a empresa foi beneficiaria nos últimos anos, permitiu a Formato Verde multiplicar a súa presenza en feiras e eventos expositivos internacionais, abrindo as portas de novos mercados.

A contratación de xestores da exportación ou as axudas a proxectos xeradores de emprego son outras das actuacións conxuntas que, durante estes anos, ten levado a cabo a empresa en colaboración co Igape.

Neste contexto, Guldrís incidiu na importancia da internacionalización do tecido produtivo, en especial no actual contexto económico marcado pola pandemia. Un camiño, expuxo, que Galicia xa está a recorrer, como amosan os bos resultados das exportacións galegas, que no primeiro semestre do ano acadaron un crecemento do 31% con respecto ao mesmo período do ano pasado, mellorando tamén os datos anteriores á pandemia ao sumar preto dun 8% máis que nos primeiros seis meses de 2019.

Sobre esta base, o director do Igape destacou a nova Estratexia de Internacionalización que vén de activar o Goberno galego, unha folla de ruta coa que se busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

Un dos eixos desta Estratexia, recordou Guldrís, é, precisamente, o acompañamento ás empresas nos mercados de destino. Un campo no que a previsión de investimentos supera os 10 millóns de euros ata o 2023, e que permitirá continuar o traballo iniciado coas liñas Galicia Exporta ou cos programas desenvolvidos en colaboración coas Cámaras de Comercio.