Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta promociona os produtos con selo Galicia Calidade no Campionato de Europa Xacobeo 6MR

Actualizado o: 15 setembro 2021 13:02
Fonte de información: Xunta de Galicia

Tanto as tripulacións participantes nesta competición de vela como o público en xeral poden degustar os produtos de 20 empresas certificadas no porto de Sanxenxo ata o próximo sábado 18 de setembro

Sanxenxo (Pontevedra), 15 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia toma parte estes días no Campionato de Europa Xacobeo 6MR de Vela a través de máis de 20 empresas certificadas por Galicia Calidade, presentes nun espazo de ocio efémero creado no porto deportivo de Sanxenxo (Pontevedra). Así, tanto regatistas e participantes como público en xeral poden degustar ata o próximo sábado 18 de setembro diversos produtos avalados con este selo de garantía.

Entre os expositores colaboradores pódense atopar as cervexas de Estrella Galicia; os viños de Finca Millara por cortesía da Adega dos Eidos; os xeados de Bico de Xeado e La Central Heladera; a auga de Cabreiroá; as froitas de Freshcut; as bebidas espirituosas de Nor-Ibérica de Bebidas; ou os produtos de Ingapán. A maiores, realízanse degustacións de distintas marcas como Rosa de los Vientos, Coren, Torre de Núñez, Sadepor, Rianxeira, Confitería Cerviño, Pementos Carmucha, Pazo de Vilane, Avícola de Galicia, Patatas Conde, Puerto de Celeiro, Luis Escurís Batalla, Altos de Torona ou Regina Viarum.

Este espazo creado por Galicia Calidade ten como obxectivo a promoción dos produtos galegos certificados, polo que todo aquel que se achegue ao porto deportivo de Sanxenxo estes días en horario de mañá pode participar nunha velada gastronómica acompañada tamén con música. Ademais, entre os asistentes faranse diversos sorteos onde se poden obter lotes dos produtos colaboradores.

Galicia Calidade certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de garantía. Na actualidade a marca suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 140 empresas galegas.