Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta destaca a internacionalización do sector agroalimentario ourensán e pon Bodegas Sampayolo como exemplo

Actualizado o: 23 xullo 2021 13:30
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións desta adega na comarca de Valdeorras beneficiaria do programa Galicia Exporta Dixital

Subliña as boas cifras das exportacións galegas, que acadaron o mellor maio da serie histórica, cun 17,7% máis que no 2019 e un 5,6% máis que no 2018, anos anteriores ao inicio da pandemia

Lembra que está aberta unha nova convocatoria do Cheque Dixital, que na súa primeira edición permitiu impulsar na provincia de Ourense 320 proxectos de dixitalización, contribuíndo á mellora competitiva do tecido produtivo

Petín (Ourense), 23 de xullo de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Bodegas Sampayolo, na comarca de Valdeorras, que puxo como exemplo da aposta que está a facer o sector agroalimentario galego pola internacionalización co apoio da Xunta. Guldrís destacou que a adega foi unha das beneficiarias do programa Galicia Exporta Dixital, que permitiu impulsar ata o de agora 155 plans de internacionalización entre pemes e microempresas galegas en máis de 90 países.

Segundo apuntou, o 10% destes proxectos pertencen, precisamente, ao sector agroalimentario e, no caso concreto de Bodegas Sampayolo, a liña facilitou o desenvolvemento de campañas de posicionamento e márketing.

Neste marco, o director do Igape puxo en valor a importancia da colaboración entre empresas e Administración para seguir incrementando a presenza internacional das compañías galegas. Non en van, as exportacións galegas veñen de rexistrar o mellor maio de toda a serie histórica, non só duplicando as cifras do mesmo mes de 2020, senón tamén sumando un 17,7% máis que no 2019 e un 5,6% máis que no 2018, previos ao inicio de pandemia.

"Nos cinco primeiros meses deste ano, as exportacións galegas rozan os 9.500 millóns, o que supón un incremento de máis do 41% con respecto ao mesmo período de 2020, e case vinte puntos máis que a media estatal para estes meses", salientou Guldrís.

Máis dun millón de euros en Ourense co Cheque Dixital

Durante a visita, o director do Igape salientou tamén a importancia da dixitalización no proceso de mellora competitiva do tecido empresarial e puxo en valor programas como o Cheque Dixital, que ten aberta unha nova convocatoria ata o vindeiro 30 de setembro.

Grazas a esta liña, o ano pasado impulsáronse 320 iniciativas na provincia de Ourense, cun importe superior ao millón de euros, axudando a pemes e autónomos na mellora da súa competitividade a través do fomento de distintos proxectos no eido da dixitalización. No caso concreto da comarca de Valdeorras, foron 14 iniciativas.

Desta volta, a liña suma un orzamento de 4 millóns de euros, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.

Poden aspirar a estes apoios as pemes e autónomos do sector servizos, as entidades do tecido asociativo e empresarial galego, e as entidades da economía social que sexan pemes e non estean nos sectores da pesca/acuicultura ou produción primaria.