Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta aposta pola promoción da construción con madeira para contribuír á reactivación económica

Actualizado o: 16 xuño 2021 19:04
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde en Santiago de Compostela nun webinario sobre o impulso deste material enmarcado no Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima da Unión Europea

O Goberno galego e a USC teñen desenvolvido diferentes ferramentas como a Guía de Marcado CE ou a web Trabe para fomentar o uso da madeira nas novas instalacións

A convocatoria de axudas para a valorización e a segunda transformación das pemes da industria forestal e do contract está aberta ata o 25 de xuño

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021.- O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde no webinario Impulso da madeira en Galicia, enmarcado dentro do Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima da Unión Europea, onde destacou a aposta da Xunta polas especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción.

Durante o encontro, Lema exemplificou este compromiso por parte da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación mediante o último convenio asinado entre Xera e a Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Froito desta unión, xurdiron diferentes ferramentas pensadas para fomentar o uso da madeira como a Guía de Marcado CE, que ofrece información sobre o proceso de tramitación desta especie de “pasaporte” no Espazo Económico Europeo; ou a web Trabe, que contempla as principais especies forestais galegas e serve de apoio para instalacións en condicións de calidade e seguridade.

“Construír en madeira é unha revolución que xa está en marcha”, apuntou o director de Xera, facendo referencia ás múltiples vantaxes que supón esta práctica como a loita contra o cambio climático ao reducir a contaminación e o consumo enerxético; a promoción da saúde dos bosques; ou a reactivación económica e asentamento de familias no rural. A instalación deste material no edificio da Administración galega de San Caetano; a escola da Galiña Azul da Baiuca na Estrada; o Punto de Atención Continuada (PAC) da Laracha; ou na próxima ampliación do centro de saúde do Porriño son algúns dos exemplos que nomeou Lema, facendo referencia á aposta da Xunta por priorizar a madeira na construción de novos equipamentos públicos.

Consciente do potencial desta industria e seguindo a liña de iniciativas nas que participa Galicia como a New Bauhaus Europea –creada para deseñar unha maneira de vivir máis sostible e inclusiva e onde a madeira ten un gran protagonista–, a Xunta inclúe o proxecto TechMadeira (38M€) na candidatura galega para conseguir fondos europeos Next Generation, e impulsar así a construción neste material, así como levar a dixitalización e a innovación ás empresas forestais.

Así mesmo, Ignacio Lema destacou as liñas de axudas postas en marcha desde Xera para impulsar o sector da industria forestal, como a destinada á valorización e á segunda transformación das pemes da industria forestal galega e do contract, que conta cun orzamento de 2M€ e cuxo prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 25 deste mes de xuño.

De cara ao futuro, Xunta e Pemade marcan diferentes liñas de actuación neste ámbito como a colaboración entre materiais e industrias de diferentes ramas, especialmente coa madeira e o formigón para reducir a pegada do carbono que ten a fabricación deste último; ou entre madeira, pedra e lousa, desenvolvendo sistemas contributivos que utilicen os tres materiais para dar pé a novas cadeas de valor.