Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

O IFEVI aproba a modificación dos seus estatutos para adaptar a composición dos seus órganos de goberno ao establecido na Lei

Actualizado o: 08 xuño 2021 15:04
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá, en Vigo, na reunión do Padroado do Ifevi

Tamén se analizou a incorporación do Consorcio Zona Franca de Vigo e se informou sobre as obras de ampliación do recinto feiral en 5000 novos metros cadrados

Vigo, 8 de xuño de 2021.- O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá en Vigo na reunión extraordinaria do Padroado do Ifevi na que se aprobou a modificación dos estatutos para dar cumprimento ao establecido na Lei 4/2021 de medidas fiscais e administrativas no relativo á composición dos órganos de goberno.

Con este cambio o Ifevi acata a lexislación e súmase aos procesos xa realizados en Ourense, A Coruña, Silleda e A Estrada. Deste xeito, a porcentaxe dos votos de cada patrono é equivalente á súa achega económica ao Padroado. A Xunta –co 89% da súa participación en base á súa dotación económica– contará con dez representantes, mentres que o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios de Pontevedra e a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo terán un representante cada un.

Tras a sesión extraordinaria, celebrouse unha reunión ordinaria na que, entre outras cuestións, avaliouse a proposta realizada polo Consorcio Zona Franca de Vigo para a súa incorporación no Ifevi e concretáronse os seguintes pasos a realizar. Neste sentido, a Xunta está aberta á entrada de novos membros que permitan fortalecer as actuacións do recinto feiral.

Ademais, informouse do estado das obras de ampliación do recinto feiral que, cun orzamento que supera os 7M€, permitirá incrementar a superficie expositiva en 5000 metros cadrados máis, reforzando a súa capacidade competitiva á hora da celebración de eventos de referencia como Mindtech, Conxemar ou Navalia.