Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

O Polo Aeroespacial de Galicia xerou 47 novos proxectos de I+D+i e propiciou a creación dunha comunidade de innovación con capacidades para captar novos proxectos internacionais

Actualizado o: 07 xuño 2021 12:27
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, fixo balance dos resultados do período 2015-2020 durante a presentación da Estratexia 2021-2025 ante representantes das pemes, centros de coñecemento e empresas tractoras que participaron na iniciativa

Neste período obtivéronse 655 resultados tecnolóxicos, dos que 62 xa están no mercado e constitúen unha base sólida para o crecemento do sector en Galicia

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nun encontro para presentar a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025 a representantes dos máis de 50 axentes (pemes, centros de coñecemento e empresas tractoras) que participaron no período 2015-2020 na iniciativa. Argerey fixo balance dos resultados dos primeiros cinco anos do Polo Aeroespacial galego e puxo de manifesto que son os logros acadados os que avalan a nova folla de ruta deseñada pola Xunta para darlle continuidade.

Así, o Polo xerou unha comunidade de innovación na que participan unha gran variedade de pemes e centros de coñecemento con capacidades para establecer redes nacionais e internacionais e potencial para captar fondos que permitan a realización de proxectos colaborativos en áreas clave, dotando aos seus membros e ao propio ecosistema galego dun posicionamento estratéxico internacional. Esta colaboración mellorou as capacidades e a competitividade das pemes e centros de coñecemento que formaron parte do Polo Aeroespacial de Galicia, propiciando a xeración de 47 novos proxectos de I+D+i derivados da súa participación na iniciativa.

Argerey destacou que, desde a súa posta en marcha en 2015, contou coa participación de 937 profesionais de alta cualificación e medio cento de pemes e centros de coñecemento, ademais da implicación de tres compañías multinacionais referentes no sector como Indra, Babcock e Boeing. Estas tres grandes empresas exerceron un efecto tractor sobre o tecido empresarial e tecnolóxico galego co desenvolvemento de tres grandes programas de I+D que propiciaron resultados como o maior dron non tripulado de uso civil existente en España e un dos primeiros autorizados en Europa para voar como vehículo opcionalmente non tripulado (Indra); a creación de plataformas e solucións tecnolóxicas especialmente desenvolvidas para a prestación de servizos críticos para as administracións públicas (Babcock); e o desenvolvemento dun programa dirixido á creación de produtos e solucións enfocados á seguridade do voo compartido das aeronaves tripuladas e non tripuladas (Boeing).

En total, executáronse 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos non tripulados. No marco deles obtivéronse 655 resultados con niveis de madurez diferentes, que posicionan Galicia como un referente na carteira de tecnoloxías relacionadas cos vehículos non tripulados. Deles, un total de 62 xa están no mercado e constitúen unha base sólida para o crecemento do sector en Galicia durante os próximos anos.

A directora da Axencia Galega de Innovación puxo en valor a creación de 24 novas empresas directamente relacionadas cos proxectos impulsados, 5 delas impulsadas en Galicia por axentes da industria e as outras 19 correspondentes a proxectos empresariais creados ou acelerados a través da Business Factory Aero, a aceleradora de empresas do sector aeroespacial posta en marcha no marco da iniciativa.

Tamén destacou que a Xunta de Galicia logrou triplicar o investimento realizado no Polo Aeroespacial de Galicia no período 2015-2020, no seu obxectivo de impulsar un sector de alta tecnoloxía para a mellora da prestación dos servizos públicos mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados. É dicir, por cada euro achegado polo Goberno galego neses cinco anos mobilizáronse 2,8 euros doutras fontes público-privadas.

Estratexia 2021-2025

Durante a xornada, a directora explicou que o Polo Aeroespacial continúa a ser unha iniciativa estratéxica para a Xunta, constituíndo un dos proxectos principais da candidatura de Galicia aos fondos Next Generation e indicou que podería chegar a mobilizar uns 540M€ a través da colaboración público-privada, dos cales 70 millóns de euros xa están comprometidos polo Goberno galego.

Sinalou ademais que entre os resultados que se esperan obter nos próximos cinco anos coa posta en marcha de 30 actuacións específicas atópanse a atracción de catro a seis empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a firma de, polo menos, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; así como a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.