Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta propón aos empresarios de Ferrol avanzar no desenvolvemento dunha rede de infraestruturas que mellore a súa competitividade

Actualizado o: 04 maio 2021 14:01
Fonte de información: Xunta de Galicia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro co tecido empresarial da comarca para perfilar un Pacto de Estado por Ferrol

A Xunta traballa nun plan de investimento, conservación, reparación e mellora de vías de comunicación de titularidade da Xunta que podería completarse coas doutras administracións

Traslada a vontade de facer da comarca un polo enerxético para avanzar na transición ecolóxica e a transformación industrial

Santiago de Compostela, 4 maio de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes do tecido empresarial de Ferrol para avaliar e deseñar as bases dun Pacto de Estado por Ferrol. A xuntanza forma parte da rolda de contactos que a Xunta está a manter con partidos políticos e axentes económicos e sociais da comarca de Ferrol, Eume e Ortegal, tras os encontros mantidos onte con alcaldes e sindicatos, na busca de consenso e compromiso colectivo.

Na reunión, o vicepresidente económico trasladou unha das propostas na que xa está a traballar o Goberno galego e que ten como prioridade desenvolver unha rede de infraestruturas que permita achegar Ferrol ao resto de grandes nodos da actividade industrial tanto de Galicia como do noroeste peninsular. Entre as principais necesidades da zona destacan a incorporación de Ferrol ao trazado do Corredor Atlántico de mercadorías, a modernización da liña entre Ferrol e A Coruña ou a axilización da conexión ferroviaria co porto exterior de Caneliñas.

Ademais, tal e como avanzou, o Pacto de Estado por Ferrol debería incluír o desenvolvemento dun plan de investimento, conservación, reparación e mellora de vías de comunicación tanto de titularidade da Xunta como doutras administracións. Un exemplo sería a vía de alta capacidade (VAC) da Costa Norte que xa está recollida nos orzamentos da Xunta cunha partida de 5,5M€.

Esta proposta súmase á avaliada onte cos concellos e sindicatos de Ferrolterra no referente a facer da comarca un polo enerxético aproveitando a existencia de man de obra cualificada, un tecido industrial con empresas que poderían exercer un efecto tractor e a presenza de industria auxiliar diversificada. Unha oportunidade para avanzar na transición ecolóxica e a transformación industrial que se promove baixo o contexto dos fondos europeos Next Generation a través da produción de biocombustibles, o impulso do gas natural licuado (GNL) como fonte enerxética ou o desenvolvemento de hidróxeno verde e enerxías renovables. Iniciativas coas que se pretende reactivar e recuperar a actividade empresarial e industrial da zona, mellorando a súa competitividade.

Conde avogou por apostar pola máxima implicación sen fisuras de todas as administracións e axentes a través deste Pacto de Estado que debe contar con medidas, prazos e orzamentos concretos para a recuperación e transformación da comarca, dando unha resposta definitiva ás necesidades de Ferrolterra.