Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

Conde avoga por colaborar cos concellos no marco da Lei de reactivación económica para axilizar a tramitación administrativa e impulsar a recuperación

Actualizado o: 04 maio 2021 11:53
Fonte de información: Xunta de Galicia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza cos alcaldes da comarca de Vigo para informar da nova normativa, que outorga un papel protagonista ás administracións locais

Destaca o traballo das Entidades de Certificación Municipal (ECCOM) que permitirán aos concellos axilizar a aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata agora

Ofrece máxima transparencia e colaboración no desenvolvemento éolico coa creación dunha rede de información provincial para que os concellos poidan coñecer os futuro proxectos antes de iniciar a súa tramitación

A Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra das áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia, como é o caso de cinco proxectos de Lalín, Dozón e Rodeiro

Os promotores de dúas propostas eólicas na Serra do Galiñeiro e Pazos de Borbén desisten das iniciativas

Vigo, 4 maio de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo esta mañá en Vigo un encontro con alcaldes da comarca para informar sobre a Lei de reactivación económica e o importante papel que esta outorga aos concellos.

Así, trasladou a importancia de que Xunta e concellos colaboren no marco da nova normativa co obxectivo de axilizar a tramitación administrativa dando a resposta que as empresas necesitan para poder afrontar a recuperación desde un clima de estabilidade e confianza.

Explicou que as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) se encargarán de avaliar os diferentes proxectos para dar máis axilidade á aprobación de licenzas mantendo as garantías xurídicas e técnicas e favorecendo a liberación de carga administrativa nas administracións locais.

Conde incidiu no papel protagonista que a nova Lei outorga aos concellos e explicou que fai especial fincapé na figura dos concellos emprendedores –143 municipios de Galicia, o 45% do total, dos que 22 pertencen á provincia de Pontevedra–. Así, poderán adherirse á Oficina Reactiva Galicia, que, a través do Igape, se encargará de ofrecer atención ao investidor, tanto desde o punto de vista da tramitación como de información sobre convocatorias e axudas, así como asesoramento.

Colaboración no desenvolvemento eólico

Conde ofreceu máxima transparencia e colaboración da Xunta coas entidades locais tamén no desenvolvemento eólico, coa creación dunha Rede de información provincial para que os concellos poidan coñecer os futuros proxectos eólicos que se vaian desenvolver na Comunidade antes de iniciar a súa tramitación.

Grazas a esta rede, os concellos terán información de primeira man sobre os proxectos antes de proceder á preceptiva exposición pública dos mesmos. O obxectivo é que as administracións locais coñezan as súas características sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública. Será a través das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia onde se porá á disposición dos concellos toda a información dispoñible do proxecto xunto co estudo de impacto ambiental.

A nova Lei garante un desenvolvemento ordenado do sector eólico exixindo o cumprimento de todas as garantías ambientais e de impacto territorial. Deste xeito, non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia nin nos espazos da Rede Natura aprobada.

É por este motivo que a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra desas áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia. No caso concreto da provincia de Pontevedra son cinco proxectos que está a tramitar o Goberno central nos concellos de Lalín, Dozón e Rodeiro: os parques eólicos de Galerna, Brisa, Val do Folgoso, Monte dos Porcallos e Cefiro que suman 285,6MW. Ademais, outros dous proxectos que suman 89MW –TV-20 Serra do Galiñeiro, que contaba con informes negativos, e Pazos de Borbén–- non se tramitarán tras o desistimento dos promotores.