Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

Lucía Freitas inaugura a experiencia formativa Aula Gastronómica Galicia Calidade en Santiago de Compostela

Actualizado o: 06 abril 2021 18:14
Fonte de información: Xunta de Galicia

Unha vintena de alumnos e alumnas de 2º curso de Gastronomía do CIFP Compostela asistiron á ‘master class’ impartida pola estrela Michelín

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destaca que a iniciativa fomentará o establecemento de sinerxías entre os futuros cociñeiros galegos e as marcas certificadas con este selo galego

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021.- A restauradora galega e estrela Michelín Lucía Freitas vén de inaugurar no CIFP Compostela da capital galega, a experiencia formativa e de promoción Aula Gastronómica Galicia Calidade, promovida por este organismo da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. A iniciativa pretende achegar os produtos e marcas avaladas por Galicia Calidade aos estudantes e futuros restauradores da Comunidade galega. No proxecto tamén colabora a Fundación Artesanía de Galicia achegando a vaixela e os utensilios cos que se elaboran os pratos.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, foi o encargado de presentar a cociñeira propietaria do restaurante A Tafona, de Santiago de Compostela, que tamén conta coa marca de calidade. Durante a súa intervención, Alfonso Cabaleiro agradeceu a boa disposición de Lucía Freitas para participar neste proxecto e amosouse convencido de que “servirá para crear futuras sinerxías de traballo entre os cociñeiros galegos que hoxe se forman nas escolas de hostalería e os produtos e empresas galegas que apostan pola calidade como un referente máis á hora de presentarse ao público”.

Máximo rendemento

No decurso dunha master class dirixida a preto de 20 alumnos e alumnas de 2º curso de Gastronomía do CIFP Compostela, Lucía Freitas amosou o seu modo de facer e de sacar o máximo rendemento e sabor aos produtos de Galicia Calidade a través da elaboración dun menú integrado por empanada líquida de millo e berberecho de Noia; croquetas cremosas de sardinillas afumadas e pementos de Herbón; capuchino de caldo de gloria; curri de fabas de Lourenzá e polbo das rías galegas; pescada de Celeiro a 45ºC con tubérculos e anisados silvestres e kiwi de Galicia con chocolate branco e albahaca.

Durante a sesión formativa, os alumnos interesáronse polo proceso de cocción dos distintos produtos, así como pola maridaxe e a configuración de menús contemporáneos.

As empresas de Galicia Calidade participantes nesta primeira experiencia con alumnos de hostalería son Cabo de Peñas, Jamones González, Torre de Núñez, Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Custom Drinks, Gallego Pereira, Puerto de Celeiro, Patatas Conde e Kiwi Atlántico. Todas elas cederon os seus produtos para que os futuros restauradores galegos os coñezan e valoren as súas características

Traxectoria profesional

Lucía Freitas é unha das cociñeiras máis relevantes da gastronomía galega actual. Tras estudar no Centro Superior de Hostalería de Artxanda, en Bilbao, continuou a súa formación en restaurantes coma o Celler de Can Roca, en Girona; Bohío, en Illescas; Mugaritz, en Errentería (Guipúzcoa); e Tapies (Lérida). En 2009, abriu en Santiago o seu restaurante A Tafona, un establecemento certificado por Galicia Calidade, onde realiza unha cociña elaborada para o público compostelán, galego, nacional e internacional.

A cociñeira galega tamén realizou unha incursión en Estados Unidos da man do seu restaurante Tomiño, que abriu en 2017. Lucía Freitas conta con numerosos recoñecementos gastronómicos nacionais entre os que se atopa a estrela Michelín.

Galicia Calidade continuará coa Aula Gastronómica o vindeiro 15 de abril no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra da man da restauradora María Varela. O 22 de abril, a Aula Gastronómica Galicia Calidade chegará a Vigo, concretamente, ao CIFP Manuel Antonio, con Iñaki Bretal. A experiencia rematará o 8 de xuño no IES de Foz, onde participará Yayo Daporta.