Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Aula Gastronómica Galicia Calidade amosa os produtos e as empresas certificadas aos estudantes de hostalería da comunidade galega

Actualizado o: 05 abril 2021 09:33
Fonte de información: Xunta de Galicia

Os restauradores Iñaki Bretal, Yayo Daporta, Lucía Freitas e María Varela, integrados en Galicia Calidade, prepararán menús deseñados con produtos do selo

Esta experiencia formativa da Xunta de Galicia comezará mañá martes no CIFP Compostela de Santiago

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021.- A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Galicia Calidade, vén de pechar unha colaboración con catro restauradores galegos e outros tantos centros educativos da Comunidade nos que se poden cursar estudos da rama de Hostalería e Turismo para promocionar os produtos e as empresas avaladas pola marca entre o seu alumnado.

Así, a Aula Gastronómica Galicia Calidade desenvolverase en catro centros situados en Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Foz da man de cociñeiros e cociñeiras que tamén contan co aval da marca galega. Lucía Freitas do restaurante A Tafona de Santiago de Compostela; María Varela do local de restauración A Parada das Bestas de Palas de Rei (Lugo); Yayo Daporta do restaurante Yayo Daporta de Cambados e Iñaki Bretal do restaurante O Eirado da Leña de Pontevedra, serán os encargados de trasladar aos estudantes as bondades e a idoneidade de utilizar os produtos da marca Galicia Calidade.

Os centros nos que se desenvolverá a acción de promoción son o CIFP Compostela de Santiago; o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra; o CIFP Manuel Antonio de Vigo e o IES de Foz. De feito, Lucía Freitas será a encargada de inaugurar esta acción de promoción e formación cunha master class que dirixirá mañá martes, 6 de abril, no CIFP Compostela. Os alumnos participantes están a cursar o segundo curso de Gastronomía neste centro compostelán.

Menú para a ocasión

Deste xeito, tomando como partida os produtos e empresas de Galicia Calidade, Lucía Freitas ideou un menú baseado tamén en produtos de tempada. Durante a master class, o alumnado poderá aprender a cociñar unha empanada líquida de millo e berberecho de Noia; croquetas cremosas de sardinillas afumadas e pementos de Herbón; capuchino de caldo de gloria; curri de fabas de Lourenzá e polbo das rías galegas; pescada de Celeiro a 45ºC con tubérculos e anisados silvestres e kiwi de Galicia con chocolate branco e albahaca.

As empresas de Galicia Calidade participantes nesta primeira experiencia con alumnos de hostalería son Cabo de Peñas, Jamones González, Torre de Núñez, Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Custom Drinks, Gallego Pereira, Puerto de Celeiro, Patatas Conde e Kiwi Atlántico. Todas elas cederon os seus produtos para que os futuros restauradores galegos os coñezan e valoren as súas características.

A seguinte cita será o vindeiro 15 de abril no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra da man da restauradora María Varela. O 22 de abril, a Aula Gastronómica Galicia Calidade chegará a Vigo, concretamente ao CIFP Manuel Antonio, con Iñaki Bretal. A experiencia rematará o 8 de xuño no IES de Foz, onde participará Yayo Daporta.