Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta apoia o oficio das palilleiras artesás no marco da II Mostra Virtual do Encaixe de Camariñas

Actualizado o: 31 marzo 2021 13:36
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na inauguración da exposición ‘Palilleiras presente e futuro’

Camariñas (A Coruña), 31 de marzo de 2021.- O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá en Camariñas xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, na inauguración da exposición Palilleiras presente e futuro, que se enmarca no programa de actividades da II Mostra Virtual do Encaixe que se está a celebrar ao longo desta semana.

Palilleiras presente e futuro está conformada por 22 tótems con fotografías, elaboradas pola fotógrafa Ana García en decembro de 2019, coas que se busca renderlle unha homenaxe a este oficio tradicional de vital importancia nesta vila e que se segue a trasmitir de xeración en xeración. Esta exposición, que conta co apoio da Xunta, poderase visitar na Praza da Insuela de Camariñas ata o mes de outubro.

A segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas comezou o pasado luns e estenderase ata o domingo 4 de abril, centrada na comercialización do encaixe e na publicación das coleccións do certame de novos deseñadores en diferentes localizacións da zona, a través das redes sociais do evento.