Inicio > > Actualidade
Compartir

Compártao :

A Axencia Galega de Innovación achega un simulador de vernizado ao CIFP Santiago para incorporar ao ciclo formativo relacionado cos acabados da madeira

Actualizado o: 01 abril 2021 11:09
Fonte de información: Xunta de Galicia

Este simulador permitirá optimizar a avaliación do alumnado, así como aforrar custos e evitar o uso de materias contaminantes

A tecnoloxía foi desenvolta no marco do proxecto FUTUREfacing, liderado por Gain co obxectivo de transferir á formación dos futuros profesionais do sector o coñecemento sobre acabados e revestimentos presente na industria do moble

Ao longo de 2020, a Xunta de Galicia dotou aos seus centros de formación profesional de madeira e moble co equipamento necesario para empregar este simulador o vindeiro curso

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2021.- Técnicos do CIS Tecnoloxía e Deseño da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia veñen de instalar no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Santiago un simulador de vernizado cedido por Gain a este centro formativo.

O simulador permitirá tanto contribuír á aprendizaxe como á avaliación das capacidades do alumnado dos ciclos que se imparten no centro –dependente da Consellería de Emprego e Igualdade– relacionados cos acabados da madeira. O uso do simulador nas primeiras fases de aprendizaxe do vernizado a pistola permitirá, ademais, un aforro en custos e materiais, podendo incrementarse o número de prácticas iniciais, así como evitar o uso de materias contaminantes, polo que supón unha mellora para o medio ambiente e a saúde.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, xa colaborou previamente co CIFP Santiago, poñendo a proba o simulador durante máis dun mes na etapa de desenvolvemento. A boa disposición a novas propostas converteu aquela experiencia en positiva e permitiu incorporar melloras. Ao dispor desta ferramenta dun xeito máis sistemático, o CIS recibirá achegas que lle permitirán optimizar desenvolvementos futuros. Actualmente, o centro está desenvolvendo proxectos similares sobre pintura manual a pistola para os sectores eólico mariño e a automoción.

Proxecto europeo FUTUREfacing

Este simulador de vernizado foi desenvolto polo CIS Tecnoloxía e Deseño no marco do proxecto europeo FUTUREfacing, que tiña como obxectivo transferir o coñecemento sobre acabados e revestimentos na industria do moble á formación que se imparte aos futuros profesionais do sector coa finalidade última de facilitar a súa aprendizaxe e promover a innovación no produto final.

O proxecto FUTUREfacing estaba liderado por Gain a través do CIS Tecnoloxía e Deseño; e nel participaron tamén a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do CIS Madeira; a British Coatings Federation; as empresas Finsa e a italiana Ilva; a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Rakvere Ametikool (Estonia).

Entre os resultados acadados por FUTUREfacing destaca que durante 2020 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia dotou aos seus centros de formación profesional con madeira e moble dos equipos hardware necesarios para empregar este simulador e que estarán dispoñibles para o seu uso no vindeiro curso, mentres que Gain puxo á súa disposición o software, os manuais de uso e videotitoriais.