Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta e o comité de Alu Ibérica coinciden no seu diagnóstico e acordan a busca dunha solución integral para as plantas da Coruña e Avilés

Actualizado o: 22 febreiro 2021 15:39
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Declaracións do conselleiro de Economía

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá cos representantes dos traballadores da factoría coruñesa

Reclama ao Goberno central a realización dunha auditoría técnica e financeira

Advirte de que sen prezo eléctrico competitivo non hai futuro e que o Estatuto para os consumidores electrointensivos non está solucionando os problemas desta industria estratéxica para Galicia

O Goberno galego mostrou a súa desconformidade coa maneira de levar a cabo os despedimentos na Coruña e avogou por continuar polo camiño da paz social

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, tras reunirse esta mañá co comité de empresa de Alu Ibérica, asegurou que se acordou solicitar un encontro entre todas as partes –representantes dos traballadores e gobernos central, galego e asturiano– para a busca dunha solución integral para as plantas da Coruña e Avilés.

Tal e como explicou o vicepresidente económico, Xunta e comité fixeron hoxe un diagnóstico compartido da situación actual e decidiron establecer unha folla de ruta que permita afrontar o futuro e garantir os postos de traballo e a actividade a partir do mes de xullo.

Na transcurso da reunión, Conde trasladou aos asistentes a desconformidade da Xunta coa maneira de levar adiante os despidos e avogou por buscar a paz social nun momento no que a incerteza sobre o futuro das factorías da Coruña e Avilés está no seu nivel máis crítico: “Non desbotamos a actuación da Autoridade Laboral e da Inspección de Traballo e trasladamos a importancia que ten para unha planta como Alu Ibérica que haxa normalidade na relación entre traballadores e empresa”, asegurou.

Ante a proximidade de que expire o compromiso adquirido por Parter de blindar os postos de traballo, a Administración autonómica considera máis necesaria ca nunca a auditoría técnica e financeira que Galicia leva tempo reclamando para que se aclare en que termos se produciu a venda de Alcoa a Parter e, posteriormente, ao grupo Riesgo e a capacidade deste último para desenvolver os plan industriais comprometidos.

“É necesario convocar a mesa industrial e coñecer en que condicións se pode traballar para que a partir de xullo, cando vence prazo do acordo inicial de venda, haxa unhas condicións laborais e industriais que garantan o mantemento de todos os postos”, subliñou.

O vicepresidente económico explicou que, neste contexto, a Xunta solicitou a pasada semana á ministra para la Transición Ecológica un compromiso efectivo do Goberno para atopar unha solución definitiva. Neste sentido, a Xunta ponse a disposición do Executivo central para colaborar e cooperar neste obxectivo.

Conde lembrou que segue sendo necesario un marco enerxético competitivo no que o sector hiperelectrointensivo galego poida operar en igualdade de condicións que o resto de Europa, xa que sen un prezo eléctrico competitivo non hai futuro. Na actualidade estase demostrando que o Estatuto para o consumidor electrointensivo non está solucionando o problema, pois non recolle as medidas precisas para dar unha saída definitiva que garanta a competitividade dun sector considerado estratéxico para a economía galega.

“De aquí ao mes de xullo é necesario que o Goberno poida garantir tanto a capacidade industrial da planta como a competitividade desde o punto de vista do prezo enerxético xa que a viabilidade do emprego depende destes dous elementos”, concluíu o vicepresidente económico.

Vídeos adxuntos