Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta insta a Alcoa e á Sepi a que pechen canto antes a venda da fábrica da Mariña para dar paso a un investidor que garanta a continuidade da actividade e do emprego

Actualizado o: 22 febreiro 2021 13:02
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Declaracións do conselleiro de Economía

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, por vía telemática, na mesa multilateral de Alcoa

Traslada que o compromiso da Xunta é traballar xunto co Goberno e os traballadores para que a operación se concrete no menor tempo posible

Insiste en que o obxectivo segue sendo salvagardar os 524 empregos a través dun proxecto viable e con futuro para a única planta que produce aluminio primario en España

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, por vía telemática, na mesa multilateral de Alcoa á que tamén asistiron representantes da empresa, dos traballadores e do Goberno español. Nela, pediu a Alcoa e á Sepi que pechen canto antes a venda da planta da Mariña de Lugo para, deste xeito, dar paso a un investidor que garanta tanto a continuidade da actividade coa produción de aluminio primario, como dos empregos.

O vicepresidente económico trasladou o apoio da Xunta ao Goberno central para impulsar as negociacións entre Alcoa e a Sepi e que cheguen a bo porto. Incidiu en que Galicia necesita pechar canto antes a venda ordenada de Alcoa para deixar paso a un investidor como pode ser Liberty que leva meses amosando o seu interese por facerse coa factoría de Cervo. Neste sentido, afirmou, é fundamental manterse na senda do entendemento.

Conde, que ofreceu a colaboración da Xunta para axilizar o proceso, ratificou que o obxectivo segue sendo o mesmo: salvagardar os 524 postos de traballo que están en perigo a través dun proxecto empresarial viable e con futuro para A Mariña de Lugo e para Galicia. Ademais lembrou que é a única planta que actualmente produce aluminio primario en España, polo que ten un gran valor estratéxico.

Vídeos adxuntos