Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta avalía cos comerciantes da Mariña as principais liñas de apoio para reforzar a competitividade deste sector estratéxico

Actualizado o: 26 xaneiro 2021 16:19
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial, Javier Arias, mantiveron un encontro en Viveiro co presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo, quen lles achegou as propostas e inquedanzas do sector

A dixitalización e a innovación son algunhas das claves coas que traballa a Administración, xunto co reforzo do financiamento

O encontro tamén serviu para informar das últimas medidas adoptadas para facer fronte á covid-19
 

Viveiro (Lugo), 26 de xaneiro de 2021.- O novo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantiveron hoxe un encontro en Viveiro co presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo, para trasladarlle as principais liñas de apoio ao sector para este ano e escoitar as súas inquedanzas e propostas ante a actual situación sanitaria e as novas restricións.

Manuel Heredia lembrou que, desde o inicio da pandemia, a Xunta se centrou en atender as necesidades máis inmediatas dos sectores máis afectados, con especial atención ao comercio, en ámbitos como o financiamento e a aplicación de medidas de seguridade, ao mesmo tempo que traballa para lograr unha recuperación sólida, asentada na transición dixital e ecolóxica.

Neste ámbito, o director xeral sinalou que, sen deixar a un lado a calidade e a profesionalidade que caracterizan ao comercio de proximidade, cómpre apostar por compatibilizar as vendas presenciais co comercio electrónico, ao tempo que se fomenta a sustentabilidade e a innovación. Nestes dous aspectos centraranse un ano máis as liñas de axudas do seu departamento, co obxectivo de que o sector conte coas ferramentas necesarias para resistir con forza o impacto da crise, sempre en colaboración e coordinación coas asociacións de comerciantes. Esta aposta pola modernización vén acompañada dos mecanismos de financiamento necesarios, e así, a Xunta, a través do Igape, conta cun plan de financiamento empresarial dotado con 103 millóns de euros que mobilizará 300 millóns de euros.

A estes apoios súmanse os da Consellería de Emprego e Igualdade, que está a ultimar o segundo Plan de rescate dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros pechados, que volverá incluír axudas directas aos sectores máis afectados polas novas restricións sanitarias.

Durante o encontro, tamén se avaliaron as medidas que entrarán en vigor esta medianoite para facer fronte á covid-19 e que están centradas no adianto do horario de peche do comercio minorista ás seis da tarde (agás actividade comercial esencial); e o peche de centros comerciais e grandes superficies (máis de 2.500m2) durante a fin de semana e festivos (agás actividades esenciais). Desde a Xunta agradeceuse ao sector todo o apoio e comprensión polo gran esforzo que levan realizado desde o inicio da pandemia. Conscientes de que o sector está sufrindo un impacto severo, o obxectivo destas restricións é salvar vidas, a principal prioridade.