Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta traslada ao Goberno central a necesidade de afrontar a transición ecolóxica desde a cogobernanza, a igualdade de oportunidades e con medidas de acompañamento á industria

Actualizado o: 11 xaneiro 2021 14:42
Fonte de información: Xunta de Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, mediante videoconferencia, na Conferencia Sectorial de Enerxía

Abordáronse, no marco do plan de recuperación, novas liñas de apoio no eido do autoconsumo na industria e servizos, a mobilidade eléctrica e o impulso ao desenvolvemento enerxético en concellos con menos poboación
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, vía telemática, na Conferencia Sectorial de Enerxía e ratificou a aposta da Xunta por afrontar a transición ecolóxica desde a cogobernanza, a igualdade de oportunidades e con medidas de acompañamento á industria.

Conde trasladou que afrontar a reactivación económica supón aproveitar as oportunidades da transición ecolóxica desde a cogobernanza e participación de todas as administracións; e desde a igualdade de oportunidades entre as comunidades autónomas. Tamén incidiu na necesidade de artellar medidas de acompañamento para a industria para compensar os custos derivados da necesaria transición.

Na conferencia abordáronse novas liñas de axuda no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia: no eido de sistemas de xeración eléctrica para autoconsumo en empresas industriais e de servizos, infraestruturas e edificios das administracións públicas autonómica e local; no ámbito da mobilidade eléctrica dentro do programa Moves con horizonte 2023; e para impulsar o desenvolvemento de concellos de menos de 5000 habitantes a través da rehabilitación enerxética de edificios, iniciativas de desenvolvemento local sustentable e proxectos singulares. Neste sentido, Galicia solicita unha revisión dos criterios de reparto dos fondos previstos para que en vez de ter en conta o número de municipios de menos de 5000 habitantes se considere o censo, o que beneficiaría a Galicia.

O vicepresidente económico tamén lembrou o traballo que se está a realizar desde Galicia para optar aos fondos europeos Next Generation con proxectos estratéxicos e con efecto tractor nas pemes e no emprego, como as propostas vinculadas ao hidróxeno verde, á creación dun centro de economía circular ou ao desenvolvemento dunha fábrica de fibras téxtiles.