Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta defende a transformación dixital e a modernización do tecido industrial como eixos das propostas galegas para optar aos fondos Next Generation

Actualizado o: 24 novembro 2020 11:01
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no ‘Forum El Comercio: a oportunidade dos fondos europeos para Asturias’

Destaca que o Goberno galego segue a traballar para que estes recursos promovan a transformación económica en Galicia mediante a posta en marcha de proxectos que tamén impulsen a transición enerxética e a cohesión social e territorial

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, subliñou esta mañá por videoconferencia que a Xunta segue a traballar para que os fondos europeos de recuperación Next Generation sexan unha oportunidade para a transformación económica e social de Galicia. Guldrís fixo estas declaracións no Forum El Comercio, organizado polo diario El Comercio, o Banco Sabadell Herrero e o Foro Jovellanos para debater sobre a oportunidade que pode supor para Asturias os recursos que a Unión Europea destinará proximamente a España.

O director do Igape agradeceu a invitación que os organizadores do encontro fixeron á Xunta para participar no foro e valorou a utilidade de analizar como os fondos europeos poden contribuír ao desenvolvemento das distintas comunidades autónomas. Nese sentido, Guldrís destacou que o Goberno galego leva traballando nos últimos meses, a través da colaboración público-privada, nas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante os Next Generation.

Así, lembrou que Galicia xa enviou ao Goberno de España 108 iniciativas que buscan afondar na modernización do tecido empresarial a través da transformación dixital; a mobilidade sostible e a transición ecolóxica; a cohesión social e territorial, poñendo no centro ás persoas; e o desenvolvemento dunha administración máis dinámica e dixital. As propostas inclúen proxectos estratéxicos, que supoñen unha oportunidade de negocio e de investimento e para orientar a política industrial dos próximos anos.

O director do Igape fixo fincapé en que a Xunta defende que a igualdade de oportunidades entre comunidades autónomas deben de ser claves na distribución dos fondos, e que os criterios de reparto deben prestar especial atención a cuestións como a dispersión da poboación, o reto demográfico, a transición industrial e a dixitalización, para reducir as diferenzas existentes nos niveis de renda das rexións. Guldrís engadiu que o Goberno galego seguirá apostando pola colaboración e polo traballo coordinado e construtivo tanto coa Comisión Europea como co Goberno de España para que Galicia conte coa mellor candidatura posible.