Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

As redeiras artesás galegas fórmanse en Buño para aplicar o seu oficio ao eido da decoración

Actualizado o: 20 novembro 2020 10:34
Fonte de información: Xunta de Galicia

Esta fin de semana comezará un novo curso impulsado pola Xunta que impartirá a deseñadora Raquel de Sousa e no que participarán redeiras dos portos de Malpica, Corme e A Coruña

Esta actividade está enmarcada no proxecto Enredadas, co obxectivo de diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020.- Esta fin de semana comezará en Buño (Malpica de Bergantiños) o último dos cursos de formación especializados deste ano para o colectivo das redeiras artesás galegas que organiza a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración coa Consellería do Mar. A actividade enmárcase no proxecto Enredadas, no que ambos os dous departamentos colaboran desde o ano 2012 co obxectivo de diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia.

No curso “Iniciación á aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración”, que se desenvolverá os días 21, 22, 28, 29 de novembro e o 5, 11 e 12 de decembro, participan 8 profesionais redeiras que desenvolven o seu traballo nos portos de Malpica, Corme e A Coruña. De novo, cóntase coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños para o uso das instalacións do Centro de Interpretación do Buño Oleiro e Terras de Bergantiños.

Da man da deseñadora Raquel Sousa, as redeiras aprenderán a empregar as técnicas do seu oficio para crear novos produtos vinculados ao fogar, un sector no que a artesanía se atopa en claro crecemento.

Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.