Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

Artesanía de Galicia colabora nunha nova edición do Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas

Actualizado o: 18 setembro 2020 11:25
Fonte de información: Xunta de Galicia

A agrupación gañadora do certame recibirá unha gaita do obradoiro Gaitas Gil e un tamboril do obradoiro Sanín Percusión Tradicional

Ponteareas (Pontevedra), 18 de setembro de 2020.- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asiste mañá á entrega de premios do LIII Concurso Rexional de Gaitas do País, que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas e que está xa consolidado como un referente no panorama da música tradicional galega. Neste certame, que é o máis antigo de Galicia destas características, participan grupos de gaitas que tocan con instrumentos tradicionais galegos.

Como noutras edicións anteriores, a Xunta colabora a través dos premios que Artesanía de Galicia achega para a agrupación que resulte gañadora desta edición. As pezas consisten nunha gaita elaborada en madeira de granadillo polo obradoiro Gaitas Gil de Ponteareas; así coma un tamboril tradicional para cuarteto elaborado por Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) en madeira de nogueira, pel de cabra, corda de cáñamo e ferraxes de latón. Con estes premios a Xunta quere apoiar aos luthiers galegos e facer promoción do labor e da calidade dos obradoiros artesáns da Comunidade.