Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta organiza un curso online para formar ós artesáns en estratexia empresarial e novos modelos de xestión

Actualizado o: 08 setembro 2020 12:43
Fonte de información: Xunta de Galicia

A Fundación Artesanía de Galicia ten aberto o prazo de inscrición deste curso, que se impartirá de xeito gratuíto os días 6, 13, 20 e 27 de outubro

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020.- A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza un curso gratuíto online de formación para mellorar as competencias dos artesáns galegos no eido da estratexia empresarial e os novos modelos de xestión. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 25 de setembro (https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions) e as clases darán comezo o día 6 de outubro.

A chamada “nova artesanía” sitúase no centro dunha economía sostible e centrada nas persoas, que se apoia nuns valores empresariais e culturais innovadores e diferentes, o que fai preciso que os artesáns dispoñan de novos modelos de xestión empresarial. O curso centrarase na estratexia empresarial como mapa sobre o que trazar a propia senda de crecemento; o márketing como apoio flexible a toda a actividade do obradoiro e o control de diversos indicadores como guía para asegurarse unha xestión eficiente.

Este curso impartirase de xeito gratuíto os días 6, 13, 20 e 27 de outubro. Cada sesión terá unha duración de 90 minutos que incluirá ademais da exposición dos docentes un foro de discusión para o grupo e sesións individuais de consultoría.

A formación correrá a cargo das docentes Xènia Viladàs e Marta Ruiz de León. Xenia Viladàs é economista e MBA pola universidade de Westminster no Reino Unido, experta en deseño de servizos, deseño de negocios, deseño estratéxico e estratexia corporativa. Como tal, ten traballado en políticas públicas de deseño desde BCD (Barcelona Centro de Diseño) e desde o Ministerio de Industria; ten colaborado con organizacións sectoriais do téxtil, da madeira e o moble, da cerámica, e da artesanía e ten asesorado a empresas como Sargadelos, Finsa, Área Espacios Efímeros, Marcelo and partners, entre outros. No eido académico, colabora con diversas universidades en España e no extranxeiro e foi profesora e directora do departamento de Deseño de Servizos no Savannah College of Art and Design.

Marta Ruiz de León é economista e posgrao en dirección de empresas por IESE, experta en dirección de empresas. Foi socia e CEO da firma Mariano, socia e responsable de alianzas estratéxicas para a unidade de negocio inmobiliario de Boj Inmobiliaria, e responsable da dirección financeira do grupo. No ámbito docente é profesora especialista de posgrao na Escola Superior de Deseño de Madrid.