Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta apela en Marín á dinamización e á dixitalización do comercio local como motor da reactivación económica

Actualizado o: 31 xullo 2020 13:29
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, visitou hoxe a primeira edición de Stock Marín, que se celebra ata o domingo na Alameda

Mostrou o apoio da Administración autonómica aos comerciantes e explicou as diferentes liñas de axudas postas en marcha para fomentar o comercio local
 

Marín (Pontevedra), 31 de xullo de 2020.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe a primeira edición de Stock Marín, que se celebra ata o domingo na Alameda da vila pontevedresa. A través de 22 carpas individuais, os comerciantes pretenden dar saída aos produtos que quedaron sen vender como consecuencia da covid-19.

Vázquez mostrou o seu apoio aos comerciantes e lembrou que a Xunta entre 2016 e 2019 concedeu axudas por valor de máis de 160.000 euros á Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín. Na visita, a directora xeral salientou, ademais, as distintas axudas postas en marcha este ano desde a Xunta para fomentar o comercio local e blindar a seguridade dos establecementos, poñendo énfase na necesidade de implementar os protocolos sanitarios necesarios para reactivar o consumo e evitar contaxios entre os clientes.

Así mesmo, trasladou aos comerciantes a importancia de apostar pola transformación dixital dos seus establecementos como dinamizador do consumo no horizonte poscovid-19, mellorando o posicionamento dos establecementos, favorecendo unha diversificación nos distintos mercados e contribuíndo a unha maior fidelización da clientela.