Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

Conde sinala en Monforte que a clave para a recuperación económica é gañar en competitividade a través da dixitalización

Actualizado o: 28 xullo 2020 15:00
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na localidade lucense nun networking organizado por Aje Lugo, en colaboración coas asociacións de xoves empresarios de Galicia e Ourense

Destacou que o traballo conxunto e a coordinación entre o tecido produtivo e as administracións permitirá que Galicia siga sendo unha terra de oportunidades

Puxo en valor a Ribeira Sacra incidindo nos sectores turístico e vitivinícola para abrir novas oportunidades e indicou a importancia de impulsar a internacionalización e a confianza dos consumidores
 

Monforte (Lugo), 28 de xullo de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Monforte -no networking organizado por Aje Lugo, en colaboración coas asociacións de xoves empresarios de Galicia e Ourense- que as tres bases para acadar a recuperación económica son a dixitalización, a internacionalización e a formación do tecido produtivo, así como o traballo conxunto e a coordinación entre as empresas e as administracións para fixar as mellores e máis seguras condicións posibles para o emprendemento e o desenvolvemento empresarial. Así mesmo, indicou a importancia de impulsar un comercio seguro, onde será determinante a xeración de confianza nos consumidores.

O conselleiro destacou no encontro que Galicia debe seguir sendo unha terra de oportunidades na que os emprendedores poidan desenvolver os seus proxectos. Para iso, indicou que é preciso adiantarse ás actuais circunstancias, gañar en competitividade e incentivar ao tecido produtivo. Subliñou, ao respecto, a necesidade de identificar novas oportunidades ante o novo contexto socio económico apuntando que a Ribeira Sacara está chamada a ter un protagonismo na identificación de novas iniciativas, en especial nos sectores turístico e vitivinícola.

Para axudar ao tecido empresarial, a Xunta ten en marcha o Plan de reactivación económica, que reserva 127 millóns de euros para que autónomos, pemes e comerciantes recuperen canto antes a normalidade.

No networking, Conde fixo referencia a tres programas concretos: Reactiva comercio, turismo e servizos, que está dotado con 16 millóns para apoiar a adaptación dos establecementos á era poscovid-19; o Cheque Autónomo, con 16 millóns de orzamento, permite facer fronte aos gastos do día a día deste colectivo; e unha liña de microcréditos con 50 millóns para dar apoio á liquidez das empresas.

Na provincia de Lugo xa se aprobaron 115 axudas ao comercio (en Monforte recibiron este apoio cinco establecementos) que mobilizarán preto dun millón de euros. Ademais, 49 empresas recibiron axudas para beneficiar a preto de 400 persoas.

O conselleiro, así mesmo, destacou a aposta clara da Xunta pola dixitalización destinando a este eido 16 millóns para impulsar o uso de ferramentas innovadoras, contribuíndo á proxección internacional, fortalecendo o modelo de Industria 4.0 e favorecendo a práctica do teletraballo.

Por último, Conde incidiu na importancia de que o tecido produtivo e as administracións traballen da man, a colaboración público-privada, para seguir impulsando a economía galega e para que as empresas continúen medrando como as máis de 1600 que hoxe en día están afincadas en Monforte.