Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta achega 924.000 euros para contratar a 38 técnicos de orientación laboral en Lugo que prestarán servizo en concellos e entidades en ánimo de lucro

Actualizado o: 28 xullo 2020 14:14
Fonte de información: Xunta de Galicia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver a convocatoria de axudas, da que se benefician 24 administracións locais e 13 entidades

Estes apoios van destinados ao reforzo dos servizos de orientación laboral co obxecto de mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego

A iniciativa chega a sete municipios da Mariña, nove da Zona Sur e aos concellos de Lugo, Sarria, Láncara agrupado co Corgo e Triacastela e Ribeira de Piquín agrupado con Meira e Riotorto
 

Lugo, 28 de xullo de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder achegas por un importe conxunto de 924.000 euros a concellos e entidades sen ánimo de lucro para contratar persoal técnico que desenvolva labores de orientación laboral na provincia de Lugo.

As axudas aprobadas beneficiarán a 24 municipios lugueses e 13 entidades e permitirán realizar un total de 38 contratos. Estes apoios teñen por obxecto mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e van destinados ao reforzo dos servizos de orientación laboral e asistencia para o autoemprego, como un instrumento para promover unha rede especializada na mellora da empregabilidade das persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Dos 38 profesionais, 14 desenvolverán as súas funcións nas administracións locais -algunhas delas concorreron agrupadas para solicitar a achega que lles permitirá contratar a unha persoa orientadora- e 24 nas entidades sen ánimo de lucro.

En canto aos concellos beneficiarios, hai sete na Mariña -Foz, Ribadeo, Viveiro, Burela e Cervo, este último agrupado con Alfoz e O Valadouro- e nove na Zona Sur -Monforte de Lemos, Carballedo agrupado con Chantada, Quiroga agrupado con Ribas de Sil e Folgoso do Courel, e Sober agrupado con Pantón e O Saviñao-. Tamén obteñen este apoio os concellos de Lugo, Sarria; o de Láncara agrupado co Corgo e Triacastela e por último, o concello de Ribeira de Piquín agrupado con Meira e Riotorto.

Pola súa banda, as entidades sen ánimo de lucro que reciben axuda para prestar este servizo en Lugo son a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; a UXT de Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos; o colectivo Saúde Mental Feafes; Alar Galicia; a Confederación de Empresarios da provincia de Lugo; a asociación E-Deidades para a integración laboral e social da muller; a Asociación de Empresas de Transporte de Mercadorías por Estrada (Apetamcor); Cogami; a Asociación de Centros Homologados; Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime); Fademga Plena Inclusión Galicia; a Fundación Laboral da Construción e a asociación Inserta Innovación.

Os programas de orientación laboral pretenden a mellora da empregabilidade e da cualificación das persoas desempregadas mediante información, diagnóstico individual, asesoramento, motivación e acompañamento nos proceso de acceso e cambios laborais, prestando especial atención aos colectivos con maiores dificultades de inserción.