Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

O Informe COTEC destaca que Galicia supera os niveis de investimento en I+D anteriores a 2008

Actualizado o: 19 maio 2020 14:02
Fonte de información: Xunta de Galicia

Segundo o informe da Fundación Cotec para a Innovación, a Comunidade é unha das seis que conta con máis persoal en I+D que hai unha década

No período 2014-2018 Galicia aumentou o gasto total en I+D un 23,8%, por riba da media de crecemento nacional

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020.- O Informe COTEC 2020, publicado onte pola Fundación COTEC para a Innovación, destaca Galicia como unha das oito comunidades autónomas que superaron en 2018 o nivel de investimento en I+D anterior á crise (no caso de Galicia tomouse como ano de referencia o 2008). De feito, segundo a estatística de actividades de I+D do INE, Galicia acadou en 2018 o investimento en I+D máis alto de toda a serie estatística, cun investimento total de 591 millóns de euros, sumando xa cinco anos de crecemento continuo.

Por outro lado, tamén se menciona que Galicia é unha das seis comunidades autónomas que contan hoxe con máis persoal en I+D que hai unha década (neste caso tomouse como ano de referencia o 2009), incluíndo tanto persoal investigador como outro persoal que desempeña tarefas de I+D. Neste caso, Galicia acadou en 2018 a cifra de 10.631, sumando tres anos de incremento consecutivo.

Cómpre destacar que no período 2014-2018 Galicia aumentou o gasto total en I+D un 23,8%, por riba da media de crecemento estatal (16,6% no conxunto do Estado). Este incremento tamén se constata no caso do persoal en I+D, no que Galicia medrou un 13% fronte ao 12,7% do conxunto de España e, especialmente, entre o persoal investigador (un 19,3% fronte a un 14,6% da media española). O sector que concentrou o groso do crecemento foron as empresas, que no período 2014-2018, incrementaron o I+D executado nun 31,4% (fronte ao 24,7% en España) e o persoal en I+D nun 27,7% (19,3% en España). Por sectores, as empresas executaron en 2018 en Galicia, por segundo año consecutivo, máis da metade da I+D realizada en Galicia (298,7M€, o 50,1% do total).