Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

O Comité de Expertos Económicos aposta por impulsar novas medidas para facilitar o financiamento das empresas

Actualizado o: 13 maio 2020 18:49
Fonte de información: Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou na reunión celebrada esta tarde, na que se subliñou a necesidade de reforzar a solvencia e o crecemento do tecido empresarial

Proponse apoiar os procesos de adaptación a través de instrumentos flexibles e que permitan captar fondos que lles aseguren a capacidade suficiente para levalos a cabo

Recoméndase crear un mecanismo a escala autonómica que axude a completar as roldas de investimento no capital social das startups

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020.- O Comité de Expertos Económicos de Galicia, en cuxa reunión participou esta tarde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aposta por impulsar novas medidas para facilitar o financiamento das empresas no actual contexto económico a causa do COVID-19, reforzando a solvencia das compañías e o seu crecemento a través de diferentes instrumentos financeiros.

Segundo se avaliou no encontro, o papel da Administración debe ser especialmente activo para apoiar os procesos de adaptación dos actores económicos, promovendo instrumentos flexibles e que permitan captar fondos que lles aseguren capacidade suficiente para levalos a cabo. Tamén se fixo fincapé en que é estratéxico fortalecer o tamaño do tecido empresarial.

Entre outras propostas, apuntan á creación dun fondo galego de capital público e privado para investir en empresas afectadas polo COVID-19, a través de capital ou préstamos participativos; ou á ampliación da liña de avais do Estado canalizados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO), habilitando un tramo específico destinado a operacións de reestruturación financeira.

Tamén propoñen os expertos a creación dunha nova liña de financiamento con garantía do ICO que posibilite un incremento do endebedamento neto das empresas, con garantía pública limitada. A posta en marcha dun mecanismo de co-investimento a escala autonómica que axude a completar as roldas de investimento no capital social das startups é outra das propostas que se analizaron esta tarde.

O Comité, do que forman parte expertos do ámbito académico, económico e empresarial de Galicia, así como os conselleiros de Facenda; Economía, Emprego e Industria; Medio Rural; e Mar; tamén recomenda á Xunta afondar en dúas vías complementarias: o financiamento multilateral apoiado no Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa (CEB) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI), e a mobilización de recursos da política europea de cohesión, acelerando a execución do marco financeiro actual.