Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

Galicia contará cun comité de expertos para avaliar o impacto económico da crise do COVID-19, asesorar á Xunta e deseñar medidas para a recuperación paulatina da economía

Actualizado o: 03 abril 2020 17:01
Fonte de información: Xunta de Galicia

“Temos que deseñar medidas para a recuperación paulatina da nosa economía, xestionar a emerxencia sanitaria e ir pensando nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma”, di o presidente do Goberno galego

Feijóo destaca tamén o reforzo das achegas para favorecer a liquidez da industria do mar

O titular da Xunta anuncia ademais a decisión de suspender o cobro dos alugueiros de abril das 64 vivendas propiedade de Xestur e as cotas polo solo empresarial adxudicado en réxime de alugueiro ou en dereito de superficie

Feijóo destaca que 34.000 galegos quedarán sen poder participar nos programas de formación impulsados pola Xunta, a consecuencia da retirada unilateral por parte do Goberno central dos fondos da Comunidade para as políticas de emprego, por importe de 100 millóns de euros

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que Galicia contará cun comité de expertos no ámbito económico para asesorar á Xunta sobre o impacto da crise do COVID-19 e avaliar medidas. “Temos que deseñar medidas para a recuperación paulatina da nosa economía, xestionar a emerxencia sanitaria e ir pensando nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma”, abundou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que este comité contará con expertos do ámbito académico, do ámbito da sociedade civil, da sociedade empresarial e con persoas vinculadas ao Círculo de Empresarios de Galicia, ao Foro Económico de Galicia e a Asociación da Empresa Familiar de Galicia, entre outras institucións. E, por parte da Xunta, estará todo o equipo económico do Goberno galego –Facenda, Economía, Medio Rural e Mar-.

As súas funcións principais serán a de determinar o impacto da emerxencia sanitaria na economía, a previsión da caída do Produto Interior Bruto, a previsión da diminución dos ingresos vía tributaria de Galicia e do conxunto de España e o impacto que suporá no déficit público. “E, con esta información traballaremos no ámbito do diálogo social, das organizacións sindicais e patronais”, aseverou.

Reforzo das achegas para favorecer a liquidez do sector marítimo-pesqueiro

O presidente do Goberno galego destacou tamén, na rolda de prensa, o reforzo das achegas para favorecer a liquidez da industria do mar.

Con esta iniciativa, as empresas marítimo-pesqueiras poderán garantir o financiamento do tráfico comercial na cadea de abastecemento, mediante préstamos avalados polo Instituto Galego de Promoción Económica para: adianto de facturas, xestión do pagamento das compras; ou pólizas de comercio exterior. E tamén se favorecerá a posibilidade de financiar investimentos en materia de produción.

Así mesmo, a Administración autonómica avalará a achega de créditos a medio e longo prazo -cun tipo de xuro cero-, por parte das entidades financeiras para favorecer a viabilidade das empresas do sector.

Feijóo recordou que esta nova medida inclúese dentro das liñas de axuda que xa están activas e que foron aprobadas no Consello da semana pasada: un total de 30 millóns de euros para que pemes e autónomos poidan mobilizar 250 millóns en préstamos, contribuíndo así a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego.

Unha liña para autónomos e pemes que cubrirá operacións de entre 3.000 e 200.000 euros; e os beneficiarios terán ata 4 anos para amortizar estes préstamos (incluíndo un ano de carencia), facéndose cargo a Xunta dos xuros.

Suspensión do cobro dos alugueiros de abril das vivendas propiedade de Xestur

Por outra banda, Feijóo anunciou tamén a decisión de suspender o cobro dos alugueiros de abril das 64 vivendas propiedade de Xestur e as cotas correspondentes a este mesmo mes polas parcelas industriais que teñen adxudicadas Xestur e o IGVS en réxime de alugueiro ou en dereito de superficie.

O presidente da Xunta aseverou que con esta última decisión, son xa unhas 4.300 as familias galegas que se poden beneficiar das medidas extraordinarias en materia de vivenda.

Impacto da decisión do Goberno de confiscar 100 M€ das políticas de emprego

Por outra banda, o Consello da Xunta avaliou tamén a decisión “inesperada” do Goberno de España de confiscar á Comunidade 100 millóns de euros previstos para políticas activas de emprego.

“Estamos a falar dunha decisión sen precedentes, que invade claramente as competencias autonómicas e totalmente inesperada, xa que nada se dixo nas tres videoconferencias de presidentes”, resaltou Feijóo, quen trasladará ao presidente do Estado a discrepancia de Galicia.

O responsable do Goberno galego aseverou que estes 100 millóns, que están nos presupostos da Comunidade, estaban destinados fundamentalmente a formar a persoas desempregadas, polo que a Administración autonómica non poderá poñer en marcha oito programas de formación pactados cos sectores: un plan específico para o naval, outro para a automoción, outro para o forestal, así como as unidades formativas en empresas.

“En total, 34.000 galegos quedarán sen poder participar nos programas de formación impulsados pola Xunta a consecuencia da retirada unilateral dos fondos da Comunidade autónoma por un importe de 100 millóns de euros”, concluíu.