Compartir

Compártao :

O presidente da Xunta visitou este mediodía as instalacións da empresa de lousa Irosa

Feijóo destaca a internacionalización do sector da lousa e a súa capacidade para xerar riqueza e emprego na comarca de Valdeorras

Actualizado o: 14 febreiro 2020 14:01
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Vídeo da intervención de Feijóo durante a visita a Irosa

Lembra que o 33% da produción mundial da lousa para cubertas procede de Galicia, tendo como principais países destinatarios a Francia e ao Reino Unido

Salienta a contribución da lousa á dinamización do rural, representando o 26% do PIB da comarca, e anima ao sector a seguir apostando pola innovación para aproveitar novas oportunidades

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 14 de febreiro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante unha visita ás instalacións da empresa lrosa, a internacionalización do sector da lousa e a súa capacidade para xerar riqueza e emprego na comarca de Valdeorras.

Unha capacidade que amosa, constatou, esta empresa familiar, cuxa facturación ascende a máis de 22 millóns de euros e que, con máis de 300 empregados, presenta unha elevada internacionalización, destinando o 83% das súas vendas á Unión Europea –case o 40% ao Reino Unido-.

Nesta liña, o titular da Xunta lembrou que o 33% da produción mundial da lousa para cubertas procede da Comunidade galega, tendo como principais países destinatarios a Francia (101 millóns de euros) e ao Reino Unido (68 millóns de euros).

Logo de precisar que Galicia representa o 55% da produción española, Feijóo salientou a importancia deste sector estratéxico para a comarca de Valdeorras, converténdose na principal fonte de actividade económica da zona. Así, a lousa dá emprego directo a preto de 2.500 traballadores e de maneira indirecta a arredor de 10.000 persoas, representando o 26% do produto interior bruto da comarca.

Ademais da contribución deste sector á dinamización do rural, o presidente do Executivo galego resaltou tamén a aposta que a lousa está a facer pola innovación. E animouno a seguir ese camiño, para aproveitar novas oportunidades.

Por último, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o Concello de Carballeda de Valdeorras pola súa implicación cos sectores do rural para atraer e facilitar investimentos na comarca.

Vídeos adxuntos