Inicio > > Novas
Compartir

Compártao :

A Xunta impulsa tres novas lanzadeiras de emprego coas fundacións Telefónica e Santa María la Real

Actualizado o: 14 febreiro 2020 13:02
Fonte de información: Xunta de Galicia

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou esta destas iniciativas que se porán en marcha na Coruña, Arteixo e Santiago de Compostela e que apostan por unha orientación laboral adaptada as retos dixitais actuais

O prazo para inscribirse estará aberto a partir do 3 de marzo

Esta colaboración tamén inclúe o programa ‘Alfabetización dixital’, para o que as persoas interesadas poden apuntarse desde hoxe mesmo

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, avogou esta mañá en Santiago de Compostela por ofrecer unha orientación laboral que dea resposta aos retos da era dixital, como se vai facer a través das novas lanzadeiras de emprego das fundacións Santa María la Real e Telefónica coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o cofinanciamento do Fondo Social Europeo.

En concreto, trátase de dous programas que apostan por unha orientación máis individualizada e más dixital acorde ás necesidades de cada participante. Por unha parte, Alfabetización dixital afondará na mellora das competencias dixitais básicas para a busca de emprego. E, por outra, Lanzadeira Conecta Emprego reforzará as competencias transversais e dixitais a través do traballo en equipo.

Segundo informou a secretaria xeral, desde hoxe os interesados en participar poden inscribirse na páxina web do programa www.lanzaderasconectaempleo.es ou de xeito presencial nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia para o programa de Alfabetización Dixital. O 3 de marzo abrirá o prazo da Lanzadeira Conecta Emprego. Nesta ocasión, as localidades da Coruña, Arteixo e Santiago de Compostela porán en marcha dúas edicións (entre marzo e setembro, a primeira, e a partir de outubro a segunda) cun total de 180 prazas para persoas desempregadas de entre 18 e 60 anos.

Toca subliñou que estas novas ferramentas proporcionarán aos participantes métodos para incrementar as oportunidades de atopar un emprego e destacou a importancia de que todas as medidas deseñadas para o emprego dean resposta ás necesidades reais de formación da cidadanía.