Compartir

Compártao :

Galicia pechará 2019 coas exportacións por riba dos 21.000 M€ por terceiro ano consecutivo

Actualizado o: 24 xaneiro 2020 12:10
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, informou dos resultados do comercio exterior galego dos once primeiros meses de 2019, nos que o superávit superou os 2000 M€, e anunciou a posta en marcha dun programa para reforzar a presenza dixital das pemes nos mercados internacionais

O DOG publica hoxe as bases da nova liña de axudas á internacionalización dixital das empresas galegas, que forma parte do programa Galicia Exporta, que nas súas tres liñas suma en total 11,2 millóns de euros

En novembro do pasado ano Galicia vendeu no exterior un 6,6% máis que no mesmo mes de 2018 e o número de compañías exportadoras situouse nas 6808

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2020.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe en Santiago de Compostela a evolución das exportacións galegas nos primeiros once meses do pasado ano, nos que acadaron un volume total de vendas de 20.369 millóns de euros. Na rolda de prensa na que informou dos últimos datos publicados sobre o comercio exterior galego, puxo de relevo tamén o impulso que a Xunta está a realizar á presenza dixital das pemes galegas nos mercados exteriores, coa activación dunha liña de axudas cuxa convocatoria se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Cividanes resaltou o incremento das vendas ao exterior en novembro de 2019, no que as exportacións subiron 6,6% con respecto ao mesmo mes de 2018, acadando un volume total de 2110 millóns de euros. Galicia situouse así como a terceira comunidade na que máis medraron as vendas, despois das Illas Baleares e do País Vasco. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior superará por terceiro ano consecutivo os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.

Lembrou tamén que a evolución da marcha das exportacións galegas a nivel global está en gran medida determinada pola evolución dos sectores téxtil e da automoción, que ao comezo de 2019 viviron unha tendencia negativa que evoluciona cara a un volume de exportacións máis en sintonía cos anos precedentes.

Como reflicten os datos do período xaneiro-novembro do pasado ano, a nosa comunidade é a sexta comunidade en volume de exportacións, por detrás de Cataluña, Andalucía, Valencia, Madrid e País Vasco, e mantén un peso do 7,6% no total das vendas ao exterior españolas. Ademais, nese período a balanza comercial galega tivo un superávit de 2052 millóns de euros, que contrasta co saldo negativo a nivel estatal, no que a diferenza entre as importacións e as exportacións provocou un déficit de 29.885 millóns de euros.

Sobre as vendas por países, Cividanes salientou os resultados que están dando os esforzos das empresas galegas por abrir novos destinos e subliñou os incrementos nas exportacións a China, que rexistraron unha suba do 28,1% con respecto ao mesmo período de 2018; a Estados Unidos, cun ascenso do 6,1%; e África, cun 7,1%. Xa en Europa, destacou o incremento das vendas a Suecia, que acadou o 13,2%.

O director do Igape puxo énfase no incremento no número de empresas exportadoras regulares, é dicir, aquelas que exportaron durante os últimos catro anos de xeito consecutivo. Ata novembro do pasado ano o seu número ascendeu a 2534, un 1,8% máis que no mesmo período de 2018. Salientou tamén que o número total de empresas exportadoras superou de novo as 6000, acadando as 6808.

Con respecto ás exportacións por sectores, no período de referencia as vendas de máquinas e aparellos mecánicos rexistraron de novo un incremento, neste caso do 11,4%; a industria química e a agroalimentaria aumentaron de novo as súas exportacións, con subas do 4,2% e 2,6% respectivamente.

Un novo impulso á internacionalización dixital

Para acompañar o traballo das pemes galegas para a súa internacionalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova liña de apoios, da que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica as bases, e que permitirá ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras na promoción das exportacións a través de novas canles de comercialización.

Cunha dotación de dous millóns de euros, o Galicia Exporta Dixital vén dar resposta á demanda crecente das compañías galegas para acometer este tipo de procesos. Apoiarase tanto o deseño de plans de internacionalización dixital e adquisición de software, como a creación e adaptación de tendas e catálogos en liña, campañas de posicionamento en Internet ou outros servizos de soporte das vendas dixitais.

Esta nova iniciativa reforza os programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios. As tres liñas contarán nesta nova edición con 11,2 millóns de euros, un 40% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de que este ano e o próximo 1200 pemes poidan acceder e medrar nos mercados internacionais e que promoverán a diversificación dos destinos das vendas. Xunto co plan Foexga, están a promover na actualidade 424 accións conxuntas en máis de 100 países nas que participan máis de 1300 pemes.