Compartir

Compártao :

A Xunta participa nun proxecto europeo para mellorar a calidade do aire nas cidades

Actualizado o: 23 xaneiro 2020 12:42
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, interviñeron na presentación da iniciativa Trafair

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) achega á iniciativa a súa infraestrutura de cálculo e coñecemento, unha participación que Argerey enmarca na finalidade última de traballar en beneficio das persoas e do compromiso da Xunta coa Investigación e Innovación Responsable

María Cruz Costa sinala que, a pesar de que Galicia ten una boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de España, é necesario traballar para mellorar de xeito continuo neste eido

No proxecto participan nove socios de seis cidades europeas, entre eles o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela e o Cesga co obxectivo de mellorar a calidade do aire a través do coñecemento dos fluxos de tráfico nas cidades

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, participaron esta mañá na presentación en Santiago de Compostela do proxecto europeo TRAFAIR: Understanding traffic flows to improve air quality, no que participa o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) xunto a outros socios de seis cidades europeas entre os que se atopan o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo deste proxecto, que está financiado polo programa europeo Connecting Europe Facility Telecommunication 2014-2020, é desenvolver servizos innovadores e sostibles que combinen datos de calidade do aire, condicións climáticas e fluxos de tráfico para producir información en beneficio da cidadanía. En definitiva, contribuír á mellora da calidade do aire nas cidades a través dunha ferramenta integral e rápida que permita estimar o nivel de contaminación derivada de diferentes condicións de fluxo de tráfico, permitindo así optimizar as estratexias de control.

Patricia Argerey enmarcou este proxecto no compromiso de Galicia coa Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas que perseguen acadar a igualdade entre as persoas, protexer o planeta e asegurar a prosperidade no horizonte do 2030, e sinalou que a I+D+i está chamada a desenvolver un papel clave na consecución destes obxectivos. Ademais, a Comisión Europea situou a Investigación e a Innovación Responsable como un dos principios xerais e transversais dos seus programas de I+D+i e a Axencia Galega de Innovación está a integrala tamén nos seus instrumentos de axuda, valorando, entre outros, o impacto social dos proxectos de I+D+i.

Nesta liña, Argerey apuntou que todos os proxectos nos que participa o Cesga teñen como finalidade última o benestar das persoas e, neste caso, o centro pon a súa experiencia, coñecemento e infraestruturas de cálculo ao servizo da mellora da calidade de vida das persoas contribuíndo a un medio máis saudable. Patricia Argerey destacou a capacidade do centro, recoñecido como Infraestrutura Científico Técnica Singular (ICTS) polo Ministerio de Ciencia e Innovación, para o cálculo, tratamento e almacenamento de datos como o seu equipo humano altamente especializado dedicado á investigación en computación de altas prestacións.

Pola súa parte, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, salientou que a pesar de que Galicia ten una boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de España, recentes investigacións apuntan a que é necesario baixar máis os valores límites de contaminantes en aire ambiente fixados na lexislación actual.

Neste sentido, incidiu na necesidade de traballar para mellorar de xeito continuo a calidade do aire, “tamén en Galicia”. Todas as accións da Xunta para logralo, segundo explicou María Cruz Ferreira, serán coordinadas coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía e coa Estratexia Galega de Economía Circular, aprobadas a finais do ano pasado e que contemplan moitas medidas cunha influencia directa sobre a calidade do aire.

Con este mesmo obxectivo, o Goberno galego está a impulsar proxectos como Trafair, co que se busca, dixo, “dar un paso máis” e lograr que o sistema actual de control sexa “máis áxil e flexible”. Os seus resultados serán importantes, engadiu a directora xeral, para establecer medidas de mellora da calidade do aire relacionadas co tráfico nas cidades, como definir rutas alternativas.

Rol do CESGA no proxecto TRAFAIR

Neste proxecto, o CESGA achega a súa experiencia na prestación de soporte á produción de predicións operativas (así o demostra o seu longo historial de servizo a MeteoGalicia, Portos do Estado ou o Programa Europeo de Monitorización Ambiental Copernicus) á participación na xeración de predicións sobre a calidade do aire e o fluxo de tráfico nas seguintes 48 horas, xerando mapas que permitan visualizar os resultados e tomar as medidas adecuadas; á paralelización e optimización do código de predición da calidade do aire para que poida executarse de forma eficiente empregando computación de alto rendemento (HPC); poñendo as súas infraestruturas HPC ao servizo da cidadanía e das administracións para que dispoñan dun mapa da calidade do aire e do fluxo de tráfico na cidade de Santiago de Compostela; e xerando software de código aberto que permita realizar este tipo de simulacións sen recorrer ás solucións propietarias existentes.