Compartir

Compártao :

A Xunta destaca a aposta de Galicia polo emprego inclusivo, o que permitiu aumentar a porcentaxe de ocupación das persoas con capacidades diferentes

Actualizado o: 19 novembro 2019 16:26
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá, en Madrid, na LXXVI Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais na que se aprobou o reparto de fondos, por parte do Estado, para incrementar dun 50 a un 55% as axudas ao colectivo de persoas con discapacidade severa

Explica que Galicia xa leva dous anos impulsando o mantemento dos postos destes traballadores nos centros especiais de emprego con axudas superiores, en concreto do 60%
 

Madrid, 19 de novembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Madrid, tras a súa participación na LXXVI Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, a aposta que a Xunta está a realizar polo emprego inclusivo e que está permitindo á Comunidade aumentar a porcentaxe de persoas con capacidades diferentes ocupadas.

Tal e como explicou Conde, no encontro aprobouse o reparto entre as comunidades autónomas dos fondos correspondentes ao incremento acordado polo Estado para as axudas ás persoas con discapacidade severa, que pasou dun 50 a un 55% e que supón para Galicia algo máis de 522.000 euros. Tal e como sinalou, a Xunta leva xa dous anos impulsando o mantemento dos postos de traballo destas persoas nos centros especiais de emprego con axudas do 60%, superiores por tanto ás do Estado: “A colaboración das comunidades autónomas co Estado está permitindo desenvolver medidas para alcanzar unha maior inserción laboral neste colectivo e reforzan os recursos que Galicia está destinando”, destacou.

O conselleiro asegurou que Galicia mantén firme o seu compromiso coa mellora da empregabilidade no colectivo -entre 2014 e 2017 as persoas con capacidades diferentes ocupadas medraron nun 75,6%-; e subliñou que en 2018 se destinaron máis de 25M€ para a súa inclusión laboral.

Este ano, ademais, as axudas aos 106 centros especiais de emprego medraron un 38% para apoiar a ocupación de 2900 persoas e impulsar a creación de 80 postos indefinidos; e sumouse un programa pioneiro de formación dual para beneficiar a 80 persoas con itinerarios de tres anos nos que obterán un certificado de profesionalidade.