Compartir

Compártao :

A Xunta apoia 26 iniciativas empresariais da provincia de Ourense ao abeiro do programa Emega de emprendemento feminino

Actualizado o: 08 novembro 2019 14:54
Fonte de información: Xunta de Galicia

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe un dos proxectos que botou a andar grazas a estas axudas que contan con catro liñas específicas: Emprende, Innova, Activa e ITEF, amais da complementaria Concilia

A práctica totalidade dos apoios na provincia van dirixidos a promover a posta en marcha de novos proxectos de negocio que crean emprego por conta propia e allea

A Pobra de Trives (Ourense), 8 de novembro de 2018.- A Secretaría Xeral da Igualdade publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas do programa Emega de emprendemento feminino, das que na provincia de Ourense se benefician 26 iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que permitiron a creación de 37 empregos femininos, dos que 27 son por conta propia e 10 indefinidos, ademais de posibilitar o mantemento de 2 postos de traballo preexistentes.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o establecemento ‘Shiitaki Trives’, emprazado no concello da Pobra de Trives, que é unhas dos proxectos beneficiados das axudas da convocatoria deste ano do Programa Emega, dentro da liña Emprende para por en marcha o negocio e crear emprego. Esta iniciativa empresarial consiste na explotación ecolóxica de cogomelos, concretamente da variedade shiitake, para a súa comercialización en fresco a través de venda directa nas instalacións da explotación. Grazas aos apoios autonómicos este proxecto, ademais de botar a andar, xerará dous postos de traballo femininos: o da promotora (por conta propia) e o dunha comercial (indefinido por conta allea).

Díaz Mouteira reiterou que unha das liñas básicas de actuación da Xunta no marco da igualdade de oportunidades é o apoio ao empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino, polo que este ano a nivel autonómico foi duplicada a partida prevista do Programa Emega acadando 161 iniciativas beneficiadas, fronte ás 72 do pasado ano.

A representante do Executivo galego explicou que das 26 iniciativas empresariais beneficiadas en Ourense por estas axudas, 25 se corresponden coa liña ‘Emprende’ destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego por conta propia e allea, e unha delas, ademais, tamén obtivo a axuda complementaria da liña ‘Concilia’, dirixida a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Por último, un dos proxectos ourensáns acolleuse ás achegas da liña ‘Activa’ para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa.

Nesta convocatoria na provincia de Ourense ningún proxecto optou ás axudas das restantes liñas do programa que son a ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e a ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

As 26 iniciativas beneficiadas están emprazadas en 17 concellos ourensáns: Barbadas (2), Barco de Valdeorras, Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Maceda, Ourense (7), Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pobra de Trives, Ribadavia, A Rúa (2), San Amaro, Taboadela, Verín (2), e Vilar de Santos.

Entre os proxectos apoiados figuran negocios relacionados coa hostalería, comercio, xoiería, estética e perruquería, podoloxía, farmacia, zapataría, centro de día, formación, fisioterapia, deseño gráfico, ilustración e banda deseñada, servizos de aloxamento web ou atención infantil.

Para favorecer o emprego e o emprendemento feminino, a Xunta puxo en marcha en 2009 o programa Emega, como medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, que persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo, que nos últimos anos foron 1.275.