Compartir

Compártao :

Ovidio Rodeiro asiste ao inicio do obradoiro de emprego de Oleiros que formará a 20 alumnos en albanelería e en carpintería e moble

Actualizado o: 07 novembro 2019 13:00
Fonte de información: Xunta de Galicia

O delegado territorial destacou que a Xunta financiará 6 talleres de formación e 123 cursos AFD na comarca cun investimento que supera os 7M€

Oleiros (A Coruña), 7 de novembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na apertura do obradoiro de emprego de Oleiros que oferta 20 prazas para formar a 10 alumnos en Carpintería e Moble e a outros 10 en Albanelería. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 336.000 euros.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Concretamente os dous cursos deste taller de formación e emprego teñen programadas a súas prácticas para levar a cabo a rehabilitación interior do edificio principal da finca Tenreiro.

Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.

Na súa intervención lembrou que “na comarca da Coruña a Xunta financiará a realización dun total de 6 talleres dos cales 5 deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 1 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 1.862.230 millóns de euros”.

Os obradoiros duais son os de Oza-Cesuras, compartido con Coiros; Betanzos, compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada e o do Concello de Cambre. Pola súa banda, o obradoiro de garantía xuvenil impartirase en Betanzos.

Estes obradoiros permitirán que un total de 116 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Cursos AFD

O delegado territorial da Xunta tamén lembrou que a comarca da Coruña é a máis beneficiada por as accións formativas de AFD (Accións Formativas dirixidas a desempregados). En total, impartiranse 123 cursos para formar a 1.845 alumnos cun investimento que supera os 5,2 millóns de euros.

Estes cursos celebraranse na súa maioría no concello da Coruña e 18 estarán organizados polos concellos de Arteixo, Betanzos, Cambre e Oleiros. Estes cursos celebraranse a súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e catro deles estarán organizados polo concello de Narón. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “só con estes dous programas a Xunta de Galicia investirá nesta área da Coruña máis de 7 millóns de euros para impartir os 6 obradoiros e os 123 cursos AFD”.