Compartir

Compártao :

A Xunta reforza a súa aposta pola economía social destinando un 33% máis en 2020 ao impulso do emprego e a formación neste eido

Actualizado o: 30 outubro 2019 18:29
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro con representantes do Foro pola Economía Social Galega, integrado polas organizacións máis representativas deste ámbito

A xuntanza serviu para intercambiar propostas e avaliar novas vías de colaboración para seguir fortalecendo un sector que emprega a 15.000 persoas na Comunidade, e que é clave na inclusión laboral e na cohesión territorial

En total, o ano próximo dedícanse máis de 27 millóns de euros a diferentes medidas para impulsar as cooperativas, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral

Estas iniciativas enmárcanse na Estratexia galega de economía social, que entre outros obxectivos busca crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas ás persoas

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro con representantes do Foro pola Economía Social Galega, que está integrado polas organizacións máis representativas do sector, que a Xunta reforza a súa aposta pola economía social incrementando nun 33% o orzamento para 2020 neste eido, ata chegar a máis de 27 millóns de euros.

A xuntanza serviu para intercambiar propostas e avaliar novas vías de colaboración para seguir fortalecendo un sector que en Galicia aglutina a 3000 entidades e emprega a 15.000 persoas, representando un 10% do PIB. Así, Conde trasladoulles que ao longo do ano que vén se poñerán en marcha diferentes medidas para impulsar as cooperativas, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral.

Estas iniciativas, que dan continuidade a medidas xa existentes e que introducen novos programas, irán encamiñadas a impulsar o emprendemento, a creación de postos de traballo, o emprego inclusivo e a formación neste ámbito, ademais de contribuír a difundir estas fórmulas empresariais entre a sociedade.

Enmárcanse na primeira Estratexia galega de economía social, que a Xunta puxo en marcha este ano para continuar favorecendo o crecemento e a consolidación do sector. A finalidade desta folla de ruta, que foi consensuada tras un proceso participativo coas entidades máis representativas, é crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. En concreto, a previsión é que en Galicia se poidan constituír 300 novas entidades e xerar 3000 empregos.

O Foro pola Economía Social Galega está integrado polas organizacións máis representativas do sector en Galicia: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA); a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborales de Galicia (Aesgal); a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca); a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal); e a Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop).