Compartir

Compártao :

A Xunta apunta en Padrón a importancia de achegar aos consumidores a calidade dos mercados galegos

Actualizado o: 19 outubro 2019 18:32
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou na entrega de premios da terceira edición do concurso fotográfico 'Quere o teu mercado', impulsado pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal)

A imaxe gañadora, que recibiu unha tablet, foi elixida por un xurado de entre as máis votadas nas redes sociais

Padrón (A Coruña), 19 de outubro de 2019.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe na entrega de premios da terceira edición do concurso fotográfico Quere o teu mercado a importancia de achegar á cidadanía a calidade e a profesionalidade das prazas de abastos galegas.

O certame fotográfico, impulsado pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal), tivo lugar do 25 de maio ao 25 de xullo, co obxectivo de premiar as mellores imaxes que reflectisen os valores que achegan as prazas de abastos, destacando os produtos frescos, a súa calidade, ou a atención personalizada, entre outros aspectos.

A fotografía gañadora, que recibirá unha tablet, foi elixida por un xurado de entre as máis votadas nas redes sociais. Corresponde a unha imaxe presentada por Ana María Muñoz, feita na praza de abastos de Bueu. A súa foi a imaxe máis votada tanto polo público (a través do Facebook de Fepregal) como por parte do xurado profesional.

A fotografía de Aida Rado do Mercado das Conchiñas, na Coruña, foi a segunda máis votada polo público, e polo tanto, a gañadora do segundo premio, dotado cun cheque regalo valorado en 200 euros de compra na plataforma de venda en liña das prazas de abastos de Galicia.

O concurso formou parte das actividades organizadas por Fepragal con motivo da campaña internacional Quere o teu mercado, que en Galicia promove cada ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria.